Ribadeo 18 de decembro de 2014.- O presidente do PP de Ribadeo, Jesús López Penabad, reclama a reparación e arranxo de varias estradas provinciais ao seu paso polo municipio.
Unha reivindicación que o popular realiza mediante unha alegación contra os Orzamentos da Deputación de Lugo para 2015 e tendo en conta as demandas dos veciños.
Neste senso, o presidente do PP local urxe á Deputación de Lugo a reparar as estradas LU-P-5203, LU-P-5204, LU-P-5205 e LU-P-6010, viais de titularidade provincial que transcorren pola costa lucense, ao seu paso polas praias, (entre outras a das Catedrais) e polos lugares de Arante, Cedofeita e Couxela.
Penabad considera insuficientes as dotacións económicas do Ente Provincial dirixidas tanto a investimentos en novas infraestruturas como á reparación das xa existentes polo que solicita que se teña presente a alegación popular para que así se garantan nas contas do 2015 os recursos necesarios para a mellora das estradas mencionadas.