Mércores, 17 de decembro de 2014.- O voceiro popular no Concello de Lugo Jaime Castiñeira revela que a Xunta de Galicia traballa coa previsión de que en tres meses quede resolto o concurso público no que se inclúe a instalación de Radioterapia e Medicina Nuclear no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
Tal como explica o voceiro popular, a adxudicación do contrato está pendente dunha autorización que ten que emitir o Ministerio de Facenda e que, tras varias consultas, está previsto que sexa remitido á Xunta de Galicia a comezos do ano que vén, de xeito que “a planificación di que en marzo debera estar pechado este proceso”.
Jaime Castiñeira afirma que ese documento do goberno central permitirá adxudicar os servizos previstos na licitación do 24 de setembro de 2013 por importe de 88 millóns de euros. “Estamos a falar dun proceso que ten unhas complexidades xa non só polo volume económico senón pola modalidade elixida de colaboración cun sistema público-privado”, detalla o voceiro popular, quen insiste en que “a recollida de sinaturas veu a avalar este proceso pero non podemos esquecer que cando se iniciou a mobilización social a Xunta de Galicia xa tiña decidido e licitado o concurso”.
O voceiro dos populares no Concello de Lugo asegura que, tras recibir este documento, “os lucenses teremos o servizo de Radioterapia e Medicina Nuclear que merecemos, por moito que lle pese ao PSOE, empeñado en empañar unha nova positiva que contribuirá a seguir mellorando un hospital de vangarda”. “Seguiremos dotando de contido e de sentido un centro sanitario que os socialistas nin quixeron nin puideron xa non só inaugurar senón sequera deixar con algún servizo instalado”, insiste Jaime Castiñeira.
Nesa liña, advirte aos socialistas de que “por moito que os máximos representantes do Concello e a Deputación pensen o contrario, en política non todo vale” e censura que é “ruín, mezquino, miserable e reprochable facer política da enfermidade e usar aos doentes de cancro para unha campaña electoral”. “Alá cada quen coas súas responsabilidades, pero estou seguro de que os lucenses apreciarán quen os usa e quen traballa por eles”, afirma o voceiro popular no Concello de Lugo.
Por último, Jaime Castiñeira lembra que as emendas introducidas na Iniciativa Lexislativa Popular “o único que facían era, por un lado, corrixir as falsidades que figuraban no documento inicial e que, loxicamente, non poden aparecer recollidas nunha lei –como por exemplo que os veciños de Lugo estaban a pagar por un servizo de ambulancia- e, por outro, garantir un prazo máis realista e axustado, substituíndo os 12 meses iniciais polos 18, nunha decisión que ademais fora aceptada inicialmente polos promotores da ILP”.