Partido Popular de Lugo

Barreiro achaca as declaracións de Besteiro ao seu nerviosismo pola alta probabilidade de perder o sillón

Lugo 12 de decembro de 2014.- Logo das declaracións verquidas polo Secretario Xeral do PSdeG e presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, o presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, achacou estas verbas ao seu nerviosismo por perder o sillón.

Barreiro lamenta que Gómez Besteiro non aproveite a súa  incontinencia dialéctica para explicar as circunstancias que motivaron o rexistro xudicial da Deputación de Lugo; algo que demandan os cidadáns e que preguntou o grupo provincial popular e non aclarou.

En relación á preocupación de Besteiro polo candidato do PP á Deputación de Lugo, José Manuel Barreiro lémbralle ao socialista que o Partido Popular conta cos mecanismos moi claros que recollen os estatutos e insiste en que ten numerosas persoas moi capacitadas tanto para presidir o Ente como para asumir calquera outra responsabilidade.

O líder dos populares lucenses manifestou que visto que Besteiro está moi preocupado polo candidato ou candidata popular, sería importante que clarificase se vai a ser el o candidato do PSOE á Deputación de Lugo.

Barreiro está convencido de que os lucenses confiarán no PP para volver a gañar as eleccións, coa maioría suficiente para presidir o Ente Provincial e estar ao servizo de tódolos lucenses; “a diferenza de Gómez Besteiro, quen a utiliza, única e exclusivamente, en beneficio persoal”- alertou.

O presidente provincial lémbralle a Besteiro que nunca gañou unhas eleccións e que non debe esquecer que se goberna é por un pacto entre perdedores (PSOE e BNG) quenes xuntos teñen 3.200 votos menos que o PP.

Conclúe Barreiro afirmando que cando Besteiro fala de conflitos estase a referir á situación que vive no seu partido, que leva desunido desde o batacazo electoral das Eleccións Autonómicas de 2009 e que se ampliou coa súa chegada á Secretaría Xeral (crisis no Goberno de Ourense, no grupo municipal de Ferrol, Valadouro, Foz…)