Cervo, 11 de decembro de 2014.- O deputado do Grupo Popular e tenente de alcalde en Cervo, Jose Manuel Balseiro, saíu ao paso das críticas efectuadas pola socialista Lara Méndez e replicoulle que a emenda promovida polo PSOE para incluír un porto deportivo nos orzamentos da Xunta era unha “auténtica chapuza”, polos múltiples erros que contiña.
O popular explicou que o PSOE falaba na súa iniciativa de construír “un porto deportivo en Cervo, e non en San Ciprián”, o que deu pé para esixir explicacións ao PSOE e que intentaran aclarar “si pretendían facelo na praia de Rueta ou no río Xunco” e, a maiores, incluía tan só unha achega de 400.000 euros, “cantidade manifestamente insuficiente para executar esta obra”.
O QUE O PSOE NOS NEGOU AGORA ÉLLES IMPORTANTE
O popular lamenta que Méndez “que agora parece que considera tan importante este porto”, non loitara por el cando en tempos de bonanza o PSOE formou parte do Goberno bipartito e puido levalo adiante. Pola contra daquela, San Ciprián foi excluído expresamente e por unha decisión política do PSOE, da planificación dos portos deportivos que pretendía executar a administración do bipartito negándonos esta posibilidade ata como mínimo o ano 2020.
Balseiro quixo aclarar que Portos de Galicia non está executando ningún porto deportivo “nin en San Ciprián, nin en ningún outro punto da nosa comunidade autónoma” pois lembra que, nunha “decisión acertada” da administración autonómica, “e mentres persista o contexto económico de crise como o actual”, os recursos e fondos públicos dispoñibles en Portos “están dirixidos en exclusiva para o sector pesqueiro profesional”.
O TRABALLO DE MÉNDEZ BRILLA POLA SÚA AUSENCIA
O popular está convencido de que as críticas da concelleira socialista teñen como único obxectivo “facer ruído e disimular” o nulo traballo de Lara Méndez en beneficio de Cervo que, segundo destacou, “brilla pola súa ausencia”. Desta realidade, explica Balseiro, dan boa mostra os seus propios veciños en cada proceso electoral, pois a socialista foi perdendo apoios ata o punto de reducir de seis a tres o número de concelleiros do PSOE e “ter o dubidoso mérito de situar ao socialismo local no peor resultado electoral da súa historia”.
Tamén considera absurdo recibir leccións de Lara Méndez tendo en conta que é unha representante que “vota en cada sitio dun xeito diferente” e, nesa liña lembrou a súa negativa a apoiar na Deputación iniciativas tan importantes para o noso municipio como os accesos ao polígono de Cuiña, que o organismo provincial se está negando a executar co consecuente risco na seguridade viaria, ou a ampliación do Museo do Mar, que mantén gran parte da súa colección expositiva almacenada en barracóns por falta de espazo.