Santiago, 10 de decembro de 2014.- O Parlamento de Galicia aprobou, na Comisión de Pesca celebrada esta tarde, a iniciativa do Grupo Popular na que se insta ao Goberno galego a elaborar un estudo socioeconómico sobre a pesca da sardiña en augas ibéricas.
O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, explicou que, a través deste informe, se dará a coñecer con carácter oficial a importancia que esta pesqueiría ten para a flota galega (en especial para o sector do cerco), para as comunidades pesqueiras e tamén para a industria extractiva, de transformación e de comercialización deste peixe.
APOIO Á PROPOSTA GALEGA DO NOVO PLAN DE XESTIÓN
Balseiro aclarou que este estudo deberá servir de complemento e apoio á proposta que Galicia defenderá á hora de formular o futuro plan de xestión da sardiña en augas ibéricas, unha proposición elaborada en consenso entre a Xunta e os profesionais desta flota.
Neste sentido, o voceiro popular lembrou que o Parlamento de Galicia aprobou no último pleno unha iniciativa, tamén formulada polo Grupo Popular, en apoio e respaldo do modelo proposto pola Comisión Sectorial do Cerco do Consello Galego de Pesca.
FALTA DE COMPROMISO DA OPOSICIÓN
Os populares volveron a denunciar a falta de compromiso e interese da oposición que, como aconteceu no último pleno do Parlamento, tampouco quixo votar favorablemente a esta iniciativa popular, desprezando unha vez máis as demandas do cerco e dándolle as costas a un estudo que pretende reforzar a proposta que xurdía do propio sector.
Balseiro insistiu en que este é o momento preciso de dotarse deste estudo, pois están a punto de iniciarse as negociacións sobre o plan de xestión tanto coas comunidades autónomas do Cantábrico máis Andalucía, como tamén despois co Ministerio, de cara a pactalo con Portugal e coa Unión Europea.
O obxectivo final é ter a capacidade de dotarse dos argumentos sociais e económicos que permitan poñer en valor a forma de traballar da flota galega, así como tamén a importancia da subsistencia das unidades que se dedican á captura sostible da sardiña ibérica.