Santiago, 10 de decembro de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, volveu a apelar á necesaria unidade do conxunto das forzas políticas galegas en defensa da continuidade da arte do xeito e fixo un chamamento á responsabilidade de BNG e de AGE para que “non rachen este apoio unánime, realizando propostas trampa que só serven para confundir ao sector”.
Así o asegurou o deputado no transcurso do debate que tivo lugar esta tarde na Comisión de Pesca da Cámara galega e no que os votos do PP rexeitaron varias iniciativas dos nacionalistas que coincidían en demandar á Xunta que empregase a competencia exclusiva en augas interiores para autorizar a pesca de sardiña coa arte do xeito.
CONFIANZA NO FUTURO
Os populares mantiveron os argumentos empregados nas moi diversas ocasións nas que, con anterioridade, desde as forzas políticas da oposición fixeron esta mesma proposta. En concreto, reiteraron que se Galicia permite unilateralmente a pesca da sardiña en augas interiores incorrería nunha situación ilegal, “nun camiño sen saída e con perigos” xa que podería implicar sancións por sobrepesca ou incluso, o que sería peor, a imposición dun TAC unilateral por parte da Comisión Europea.
En todo caso, Balseiro quixo poñer en valor o feito de que o Parlamento de Galicia, a través de varios acordos en Comisión e dunha declaración institucional do Pleno, xa se ten pronunciado por unanimidade en apoio das iniciativas emprendidas pola Federación Galega de Confrarías e pola propia Xunta.
Nesta liña, o voceiro popular do Mar confiou en que as negociacións que se veñen desenvolvendo tanto coa Comisión como co Parlamento Europeo obteñan os seus froitos e as institucións comunitarias teñan en conta todos os informes que desde Galicia e o Goberno se veñen achegando en defensa do xeito.
Balseiro insistiu en “traballar coa razón” e convencer con argumentos “moi medidos e estudados”, como os formulados pola Xunta, entre os que está a defensa dunha arte que non é prexudicial e que está regulada desde o ano 1991. O deputado popular insistiu en que o xeito non pode equipararse a outros aparellos de arrastre, pois nin quedan atrapadas aves, nin cetáceos e ademais é, desde o punto de vista pesqueiro, moi selectiva, limitándose a capturar sardiña e outros pequenos peláxicos.
VISITA DO BNG A EUROPA
Balseiro tamén dixo que a visita do BNG en Europa só serviu para “convencer a dous dos seus”: un eurodeputado italiano do movemento Cinco Estrelas e á ponente socialista. Sinalou que aos únicos que non fixo falla convencer foi aos populares, “porque xa están convencidos, e dispoñen da información precisa grazas á Xunta e aos eurodeputados Millán Mon e Gabriel Mato”. O deputado concluíu emprazando a que o resto das forzas políticas tamén comprometan o seu apoio ao xeito e o do conxunto do grupo do que forman parte na Eurocámara.