Partido Popular de Lugo

Besteiro ampárase de novo no segredo de sumario para evitar responder á oposición

O Grupo Provincial do Partido Popular fixo público esta mañá un novo exemplo de falta de transparencia do presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, ao ampararse de novo no segredo de sumario e negarse a atender a unha solicitude dos populares sobre a facturación emitida por varias empresas con cargo á Deputación.

Os populares explican que en data 19 de novembro, -antes de levarse a cabo o rexistro xudicial na Deputación- dirixiron un escrito ao presidente provincial no que solicitaban acceso ás facturas pagadas pola administración lucense a varias empresas. No día de onte, o Grupo Provincial do Partido Popular a través dunha comunicación por escrito, tivo constancia da negativa do presidente a cursar a petición dos populares e amparábase de novo no segredo de sumario da Operación Pulpo.

Os populares, que trasladan de novo o seu respecto ao segredo de sumario, entenden que nesta nova actitude queda perfectamente retratada cal é a verdadeira vontade de dar resposta por parte do máximo dirixente da institución lucense.

Estase ante unha nova actuación do socialista que demostra que non ten interese en responder, e xera máis dúbidas ata o punto de levantar máis sospeitas de que Besteiro ten algo que ocultar aos lucenses. Segundo os populares, queda así de manifesto o mínimo concepto que o socialista entende por transparencia.

Negativa a responder outra pregunta en pleno ordinario

Ao igual que sucede con esta solicitude de documentación remitida por escrito, o presidente da Deputación tamén, amparándose no segredo de sumario, negouse tamén a dar resposta en pleno ordinario do mes de novembro a unha pregunta rexistrada polos populares con data anterior ao rexistro xudicial. A referida pregunta plenaria versa sobre a facturación emitida a unha empresa. Os populares, que reiteran o seu respecto ao segredo de sumario, entenden que non está xustificado o motivo polo que non responden ao GPP.

Retraso en responder ás preguntas formuladas en pleno extraordinario

Por outra parte, os populares tamén puntualizaron que as preguntas formuladas polo GPP na sesión extraordinaria do luns, e que este xoves rexistraron por escrito, non afectan ao segredo de sumario. O GPP di que está facéndolle preguntas ao responsable político das persoas investigadas, sobre as súas decisións, sobre o que sabía e sobre as medidas que adoptou.

Neste senso, ao Grupo Provincial do Partido Popular non lle consta que a actuación do presidente estea a ser investigada, polo que se se escuda no secreto de sumario para non responder a estas preguntas, ou ben está a buscar unha desculpa para non contestar ou ben tamén está a ser investigado e lle afecta ao secreto de sumario.

Así, lembraron que José Ramón Gómez Besteiro ten dende o xoves un prazo de cinco días para cursar esta petición de resposta dos populares na Deputación de Lugo.