O secretario xeral dos populares lucenses e deputado autonómico, Jose Manuel Balseiro, pediu hoxe ao PSOE menos titulares de prensa e máis prudencia e apoio para aqueles que están traballando, dun xeito discreto pero continuo, nunha solución estable para o problema enerxético de Alcoa.
Balseiro lembra que mentres o PSOE se dedica a facer política carroñera e xerar alarma social sen achegar propostas en positivo, o Goberno galego mentres, segue a traballar para sumar a traballadores, empresa e Ministerio a unha solución que garanta a viabilidade da compañía e salvagarde os postos de traballo.
Nese senso lembra que a Xunta está a manter contactos co Goberno do Principado de Asturias e co Ministerio, falando de traballar conxuntamente á hora de atopar solucións á situación na que se atopa esta empresa e, moi en particular, nos centros de traballo desta multinacional en Avilés e Asturias.
O deputado popular explicou que as administracións populares levan toda unha lexislatura intentando corrixir a situación de quebra na que se atopa o sistema eléctrico despois de que o PSOE deixara máis de 30.000 millóns de euros de déficit.
FACTORÍA DE SAN CIPRIÁN
Balseiro quere insistir, en todo caso, en actuar con prudencia e nese senso considera importante lembrar que a factoría de San Ciprián logrou os incentivos eléctricos por interrumpibilidade necesarios para garantir o seu futuro e seguir producindo a prezos competitivos, e confía en que unha segunda poxa, á que debe acudir Alcoa, poida garantir tamén a continuidade nos centros de traballo de Avilés e A Coruña.
MARCO ENERXÉTICO ESTABLE
O secretario xeral dos populares lucenses sinala que o seu esforzo, como o das administracións implicadas, seguirá centrado en que, tanto Alcoa como o resto de compañías nesa mesma situación, garantan a súa posición e, de cara ao futuro, o sistema permita que as empresas manteñan a súa accesibilidade a unha enerxía a prezo competitivo.
Balseiro conclúe insistindo en que debemos ser prudentes e apelar á procura dunha solución definitiva que garanta a viabilidade de todas as empresas grandes consumidores de enerxía, nun marco enerxético estable.