Partido Popular de Lugo

O PP presenta a un candidato serio e leal para rematar cun tripartito inmerso no espectáculo

José Manuel Lamela, encabezará a candidatura do Partido Popular á Alcaldía de O Valadouro. Así o anunciou esta mañá o líder dos populares lucenses, José Manuel Barreiro nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo secretario xeral do PP de Lugo, José Manuel Balseiro e do alcaldable.

Barreiro manifestou que fronte ao espectáculo que está a protagonizar o tripartito, o Partido Popular presenta unha persoa seria, leal e estable para culminar o proxecto iniciado fai algo máis de tres anos, cando os veciños lle outorgaron a súa confianza e fixeron posible a vitoria electoral, convertendo á formación política popular na lista máis votada.

Os populares aseguran que O Valadouro merece unha estabilidade política fronte á división, o caos e ás liortas permanentes, que representa o actual Goberno, “incapaz de configurarse como alternativa” .

O presidente provincial lembrou que foi un pacto económico entre mercaderes o que privou a José Manuel Lamela de continuar servindo aos veciños; “un pacto ante notario e unha cláusula de 100.000 euros asinada entre PSOE e UDIVAL, coa total complicidade e apoio do BNG, foi o que en 2013 desaloxou da alcaldía á persoa que elixiron os cidadáns”.- manifestou Barreiro.  

Pola súa banda, o recén presentado alcaldable, José Manuel Lamela manifestou que o pacto entre PSOE, UDIVAL e BNG está roto e manifestou que proba diso está en que na pasada sesión plenaria municipal  o nacionalistas e UDIVAL uniron os seus votos aos do PP para rexeitar os orzamentos para 2015.

“En menos de ano e medio, este novo goberno xa se desfixo”- manifestou Lamela, quen non mostrou sorpresa e dixo que se viñan a confirmar as reiteradas afirmacións do PP.

Dixo Lamela que o tripartito demostrou que dende que está no poder, O Valadouro nunca tivo un Goberno senón que demostrou ser un auténtico desgoberno. Lamentou que sexan os veciños os prexudicados e que teñan que soportar as continuas liortas e enfrontamentos deste desgoberno.

BIOGRAFÍA E TRAXECTORIA POLÍTICA

José Manuel Lamela naceu en O Valadouro en 1953. É un político cunha longa traxectoria na responsabilidade e xestión municipal. Dende o ano 1999 é concelleiro polo PP nesta localidade.

Mestre Industrial, nas eleccións municipais de 2011 encabezou a candidatura do PP á alcaldía do Valadouro e, logo de obter este importante apoio veciñal foi elixido alcalde como cabeza da lista da formación política máis votada, responsabilidade que exerceu ata que tivo lugar a moción de censura.