A Comisión de Sanidade do Parlamento galego aprobou esta tarde o ditame da proposición de lei na que fixa un prazo de 18 meses para que Xunta dispoña as medidas oportunas e os recursos económicos, humanos e materiais necesarios para que todas as provincias galegas conten con procedementos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear, garantindo a equidade na prestación e a libre elección de usuario.
O texto lexislativo, que agora será debatido en pleno para a súa aprobación definitiva, engade que a prestación destes servizos deberase levar a cabo tendo en conta as condicións de calidade, efectividade e seguridade da atención sanitaria dos pacientes e o mellor aproveitamento das salas de hemodinámica existentes.
DATOS POR ÁREAS DE XESTIÓN INTEGRADA
O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Miguel Santalices, fixo referencia específica á situación da provincia de Lugo e afirmou, con datos oficiais da Consellería de Sanidade, que “non hai diferenzas significativas” na mortalidade por infarto agudo de miocardio respecto á provincia de A Coruña. Neste sentido, os grupos da oposición non aceptaron a súa proposta de analizar a información do rexistro único de datos sobre morbi-mortalidade en relación co infarto agudo de miocardio (aprobado na sesión do Pleno do Parlamento celebrada onte) para tomar as decisións que procedan sobre ampliación de persoal e materiais necesarios en cada provincia.
Santalices recordou que na actualidade “temos os datos que recollen as distintas áreas de xestión integrada, pero non hai un patrón uniforme”, unha situación que xa foi denunciado pola Sociedade Española de Cardioloxía no último congreso que celebrou en Santiago recentemente.
Deste xeito, manifestou que as provincias de Lugo e de A Coruña comparten área de xestión, polo que os seus datos respecto á mortalidade por infarto de miocardio son comparables, dado que teñen un patrón uniforme”. Porén, engadiu que “non se poden comparar os datos de Lugo con Ourense, porque se fan con distinto patrón e en distintas áreas de xestión integrada”.
Por este motivo, o portavoz popular salientou a importancia da proposición non de lei do Grupo Popular, votada favorablemente polo Grupo Socialista, coa abstención dos demais grupos parlamentarios, a través da que se insta á Xunta a dispor dun rexistro único de ámbito galego que recolla toda a información sobre morbi-mortalidade en relación co infarto agudo de miocardio. Estes datos serán tidos en conta para adaptar os recursos humanos e materiais ás necesidades asistenciais nas estruturas de xestión integrada.
Unha vez se poña en marcha este rexistro único, Miguel Santalices lamentou que os grupos da oposición rexeitaran a súa proposta de analizar os datos que se recollan ao longo de 2015 para, en base ao análise deses datos, implantar o que proceda e tomar as decisións tanto a nivel de persoal como de materiais.
DIFERENZAS MÍNIMAS ENTRE A CORUÑA E LUGO
Na súa intervención, o portavoz popular recordou os datos oficiais existentes de mortalidade hospitalaria por infarto agudo domiciliario nas provincias de A Coruña e Lugo no ano 2013 (feitos público pola Consellería de Sanidade) para afirmar que “non hai diferenzas significativas”.
En concreto, indicou que o número de casos de infarto agudo por miocardio con residencia en A Coruña e que foron atendidos polo Sergas ascendeu a 1.292, dos que faleceron 85, é dicir, o 6,58 por cento. Respecto da provincia de Lugo, o número de casos atendidos foi de 524, con 34 falecementos (6,49 por cento).
Santalices tamén fixo referencia aos casos de infarto agudo de miocardio con elevación ST, é dicir, susceptibles de ser atendidos urxentemente con anxioplastia primaria. Nesta situación, na provincia de A Coruña rexistráronse 597 pacientes, dos que faleceron 35 (5,86 por cento), mentres que na provincia de Lugo déronse 260 casos, dos que morreron 16 (6,15 por cento).