O Valadouro, 2 de decembro de 2014.- O presidente do Partido Popular do Valadouro e portavoz do Grupo Municipal, Jose Manuel Lamela, di que os feitos veñen a demostrar que o único interese que sempre existiu para que PSOE e Udival asinasen o pacto de goberno neste concello é o económico. Así o aseguran tras o anuncio en clave de de ameaza efectuado polo aclalde de que os servizos xurídicos do PSOE estudan as consecuencias da ruptura do pacto de goberno e a cláusula que o penaliza con 100.000 euros.
Os populares están convencidos de que ningunha das tres forzas políticas promotoras da moción de censura basearon o seu pacto na defensa dos intereses dos veciños ou na coincidencia sobre un programa que, ano e medio despois de acceder ao goberno, teñen incumprido nun 99%.
Lamela considera que o episodio acontecido o pasado venres, cando independentes e nacionalistas non apoiaron os orzamentos municipais presentados polo alcalde, non é máis que un novo episodio na longa lista de desencontros e enfrontamentos que veñen protagonizando estas forzas políticas, obsesionadas en exclusiva por sacar adiante os intereses persoais dos seus concelleiros.
Os populares seguen esperando que o alcalde confirme ou desminta os reproches efectuados polos seus socios e explique como ten previsto garantir a gobernabilidade. Sinala tamén que un exemplo gráfico da falta de xestión é que o alcalde vese na obriga de acudir a unha axuda da Xunta, como son os 200.000 euros que lle corresponden ao concello polo Fondo de Compensación Ambiental, con cargo ao canon eólico, para intentar xustificar a súa falta de xestión.
PACTO ANTE NOTARIO
Os populares lembran que a través dun documento privado, asinado ante notario, PSOE e Udival, puxeron prezo á gobernabilidade do Valadouro, asumindo unha cláusula que penaliza a ruptura do pacto con 100.000 euros. Este mesmo documento, serviu de base para promover a moción de censura que en 2013, e co apoio do único edil do BNG, desaloxou ao Partido Popular da Alcaldía pese a ser a forza política máis votada entre os veciños.