Rábade 1 de decembro de 2014.- A voceira do PP de Rábade, María Luisa Macía, ven de solicitar, na pasada sesión plenaria municipal, unha serie de rogos e preguntas para que o rexedor arranxe de maneira inmediata toda esta problemática.
A situación é máis grave se lembramos que dende fai tres anos, os populares levan pedíndolle ao rexedor que deixe de castigar aos cidadáns e solvente as problemáticas presentes na vila; pero sen embargo, o rexedor, pasa de todo e fai caso omiso.
A popular enumera graves deficiencias presentes no concello; uns desperfectos froito do total pasotismo do alcalde e que repercute de cheo en tódolos veciños, posto que son os que día a día sofren este desgoberno.
DEFICIENCIAS
Os populares denuncian a falta de limpeza na fonte da Praza de España, convertida nun auténtico vertedoiro e que provoca malos cheiros. Tamén critican a situación na que se atopa a rede de sumidoiros, sen limpar e desfeitas.
Afirman que os bolardos da Avenida Vilalba coa esquina da Avenida dos Remedios están totalmente deteriorados, algo que se debe aos golpes que sofren. Din que permanecen os ferros sen cemento, o que supón un grave perigo para todos.
Denuncian a falta de sinalización no cruce de Buenos Aires con Avenida de A Coruña e o mal estado das beirarrúas da vila, posto que están rotas. Lembran que solicitaron tamén o arranxo do camiño que enlaza a Praza de España coa Rúa Doutor Fleming; unha obra que está levantada e na que houbo caídas, polo que pediron a limpeza e o arranxo dese acceso.
Reivindican tamén que a auga do municipio non está limpa, senón que sae de cor chocolate e que a madeira da Praza de España precisa dun antideslizante porque a madeira non soporta as xeadas do inverno .