Mondoñedo, 28 de novembro de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo lamenta a situación na que se atopa a localidade, tras un goberno bipartito (PSOE e BNG), que “nos levou cara un concello que ofrece síntomas moi marcados de abandono”.
O empedrado histórico da localidade presenta importantes deficiencias, cun chan rebentado, feito que, non só ofrece unha imaxe moi negativa para o visitante, senón que tamén entraña perigo para os transeúntes.
Os populares, críticos co estado das rúas da localidade, engaden que a situación tórnase máis condenable “se temos en conta que en algunhas localizacións, como son o entorno da Catedral e do Seminario, o chan renovouse nos últimos anos”, explicaron. “Lamentamos que tras un investimento superior ao millón de euros, o aspecto que ofrece é de pedras rotas e levantadas”, matizaron dende o Partido Popular.
A maiores destes síntomas que evidencian o abandono ao que está sometido Mondoñedo por parte do equipo de goberno; os populares tamén denuncian a falta de limpeza nalgunhas rúas, que afean á localidade.
Ante esta circunstancia, o Partido Popular de Mondoñedo presentará un rogo, que acompañará dun arquivo fotográfico, para que na menor brevidade posible o equipo de goberno do Concello de Mondoñedo proceda a corrixir estas deficiencias.
Os populares aseguran que socialistas e nacionalistas na localidade só actúan por insistencia. “Se non hai presión, eles non traballan e o exemplo máis claro está na limpeza do entorno do cemiterio vello. Non procederon ao seu desbroce ata reiteradas peticións, avisos de veciños, e mesmo despois de producirse un incendio”, aclararon.
Esta situación confirma o que “sempre vén a dicir o Partido Popular, que dende que socialistas e nacionalistas están á fronte do Concello, vivir en Mondoñedo é máis incómodo, máis caro e máis perigoso”.