Lugo, 28 de novembro de 2013.- A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, María Jesús Roldan, dixo que o alcalde de Becerreá, o socialista Manuel Martínez deu mostras no pleno celebrado no día de onte “do seu total descoñecemento e nula dedicación ao Concello”.
Así o aseguran tras confirmarse que o alcalde formulou “unilateralmente, sen consultar nin informar á oposición2, a proposta de declaración como filla adoptiva de Becerreá a Teresa Romero. Martínez actuou en clara ignorancia do establecido no regulamento de Honras e Distincións aprobado no ano 2003 e no que se establece para adoptar este acordo o necesario apoio de dous terzos dos concelleiros da Corporación local.
Os populares consideran que esta “gran metedura de pata do socialista Martínez” é resultado dun feito que veñen denunciando desde o Grupo Popular en múltiples ocasións, isto é que o alcalde “se dedica á Deputación e non presta ningunha atención ao Concello”.
UN ALCALDE DICTATORIAL E AUTORITARIO
Desde o Partido Popular insisten en que non están en contra de facer un recoñecemento a Teresa Romero, pero si da “actitude ditatorial e autoritaria” do alcalde que, “gobernando en minoría e sen os votos suficientes, porque non llos deron os veciños, ningunea e non consulta os asuntos municipais cos partidos da oposición”. Outra mostra disto deuse coa presentación dos orzamentos, onde “o goberno foi derrotado, cos votos de toda a oposición, e as contas foron devoltas porque o Goberno tampouco quixo consensualas previamente”
Os populares consideran que “se alguén ten que pedir desculpas a Teresa Romero é o alcalde, por ter actuado dun xeito tan imprudente, sen facer as cousas ben e seguir os procedementos habituais en todos os concellos ante iniciativas como esta”, e lembran que os concelleiros do PP “tiveron que enterarse da proposta de declaración de filla predilecta pola prensa”.