Lugo, 26 de novembro de 2013.- Os populares lucenses sospeitan que o presidente da Deputación de Lugo e secretario xeral do PSdeG, Jose Ramón Gómez Besteiro, non quixo deixar falar onte á oposición porque ten algo que ocultar e na súa comparecencia non dixo todo o que sabe.
Así o aseguran desde o Grupo Popular Provincial onde non dubidan de cualificar de paripé antidemocrático a comparecencia de Besteiro diante do Pleno provincial para dar conta da intervención e rexistro xudicial desta institución, acontecido o pasado venres.
Os populares lembran que, desde o máximo respecto ao desenvolvemento do sumario, Besteiro non pode despacharse cun simple monólogo, sen responder a ningunha pregunta, cando se trata de algo tan serio como a existencia dunha investigación xudicial sobre presuntos delictos de tráfico de influencias, fraude, exaccións ilegais, prevaricación e malversación de caudais públicos, estremo este confirmado polo propio Besteiro.
Lonxe de disipar sospeitas o proceder de Besteiro deixa moitas máis dúbidas, segundo o PP, que insiste en reclamar explicacións máis claras ao presidente provincial socialista e o goberno bipartito da Deputación, conformado por PSOE e BNG.