Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR DEFENDE OS NOVOS CONTRATOS DE XESTIÓN PÚBLICA DOS MONTES VECIÑAIS PORQUE FOMENTAN O SEU APROVEITAMENTO SOSTIBLE

Santiago, 25 de novembro de 2014.- O voceiro da área forestal do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu os novos contratos de xestión pública “porque son ferramentas moi útiles, que a normativa establece, para fomentar o aproveitamento integral e sostible dos montes veciñais ou en man común”

O parlamentario explicou que o artigo 123 da Lei de Montes blinda, entre as novas esixencias para os novos contratos de xestión forestal, a voluntariedade, a ordenación forestal sostible (certificada por un terceiro independente), a comunicación contable detallada e a información continua aos propietarios, aspectos que se defenden desde o Grupo Popular.

CONDONACIÓN DE DÉBEDAS

José Manuel Balseiro dixo que “si as forzas políticas da oposición queren de verdade aplicar unha nova política forestal que faga prevalecer a función social, ambiental e económica dos montes comunais entón, en vez de criticar, estarían defendendo a aplicación da Lei de montes tal e como foi formulada, que está tratando de actualizar estas fórmulas contractuais ata o punto de establecer que os convenios antigos deben extinguirse nun prazo máximo de catro anos”.

Así o asegurou Balseiro no Pleno do Parlamento no transcurso do debate dunha moción do BNG, que foi rexeitada polos populares e na que os nacionalistas defendían a condonación das débedas das comunidades de montes que tiñan asinado un destes consorcios ou convenios antigos

Balseiro lembrou que ata o de agora as comunidades de montes tiveron polo menos dúas oportunidades de condonar as súas débedas coa administración: tanto coa Lei de Montes do Estado en 2003 como coa Lei de Montes Veciñais en 1989. Deste xeito, sinalou que “facelo unha vez máis suporía unha discriminación fronte a aquelas que, cumprindo a lei, xa fixeron fronte ás súas débedas ou non incorreron nelas”.

O parlamentario popular rexeitou os argumentos da oposición e indicou que “é absolutamente falso que a Xunta vaia a expropiar ou poñer en mans privadas os montes veciñais, tal e como asegura a oposición, senón que se establece un procedemento para facilitar o pago destas débedas e, no seu caso, non se lles expropia nin arrebata a propiedade, senón que simplemente se lles priva de recibir axudas e subvencións”.

CARÁCTER VOLUNTARIO

Balseiro tamén considerou “absurdo que o BNG propoña nas súas emendas aos orzamentos da Xunta para o ano próximo destinar seis millóns de euros para sufragar con cartos públicos a condonación das débedas das comunidades de montes, a sabendas de que os custes de cancelación dos convenios deste tipo, nos últimos sete anos, ascenderon a 43.000 euros, polo que esta partida proposta polos nacionalistas daríanos para 976 anos”.

O portavoz popular lembrou, finalmente, que os convenios e contratos administrativos dos que se derivan estas débedas “foron asinados con carácter voluntario coa administración que, con cartos públicos procedentes dos impostos de todos as galegas e os galegos, realizaron un anticipo para que as comunidades puideran facer fronte a novas plantacións, pero sempre coa condición de reintegralos”. “Esta circunstancia figura como cláusula literal do contrato asinado entre as dúas partes: Administración e comunidades de montes veciñais ou en man común), aclara Balseiro.