Monforte 20 de novembro de 2014.- Julia Rodríguez Barreira xa é oficialmente candidata do PP á alcaldía de Monforte para as eleccións de 2015. A súa presentación tivo lugar esta tarde no restaurante Don Manuel nun acto no que a alcaldable estivo arroupada polos máximos dirixentes do partido a nivel rexional e provincial, todo o seu equipo e tamén numerosos militantes do municipio.
Neste acto de presentación, o presidente provincial do Partido Popular José Manuel Barreiro puxo en valor os requisitos esenciais que Julia Rodríguez reúne para desempeñar o cargo e citou o seu compromiso con Monforte e os seus veciños, o seu criterio e, sobre todo e o máis importante, a ilusión e as ganas de traballar.
Durante o encontro, no que tamén estivo presente, entre outros dirixentes populares, o presidente do PPdeG Alberto Núñez Feijoo, Barreiro salientou que “non basta con gañar senón que temos que arrasar” porque, do contrario, “non nos van deixar gobernar e as outras opcións posibles, non son as máis axeitadas para defender os intereses de Monforte”.
“Temos que reinventarnos”
Julia Rodríguez presentouse ante os cidadáns “despois de catro anos de intenso traballo” nos que puido analizar a xestión do Concello e decatarse de que “non poden repetir moitas das cousas que se veñen facendo nesta cidade, coa convicción de que hai que acometer cambios que permitan inverter a tendencia decadente na que estamos instalados”.
Na súa intervención repasou algúns dos erros do actual Goberno local, entre os que citou a desaparición da oferta de Aqualia, que non se construíra o parque acuático, a perda de importantes subvencións para o Concello, os 6.000 euros ao mes que se pagaban polo aluguer das barcas, o sobreprezo de determinados aparcamentos, ou os millóns de euros pagados ás empresas de fóra, “políticas todas elas encamiñadas a frear o tecido produtivo”, sinalou.
Julia Rodríguez preguntouse onde estaba o alcalde cando se consideraba o peche do Parador, cando houbo problemas co taller de Renfe ou os cambios que afectaba ao Daviña Rey, cando se negou a limpar os regatos aínda sendo ao súa competencia, ou cando puxo en risco o acondicionamento das marxes do Cabe. “Eu sei moi ben onde estiven e o que fixen para resolver todas esas cuestións” explicou.
A monfortina presentouse ante os cidadáns “co coñecemento do que se fixo mal e non se pode repetir, o compromiso de seguir traballando con rigor e sempre en beneficio de Monforte e dos monfortinos, e coa convicción de que se pode facer moito máis e a confianza de facelo co respaldo dun gran partido, como é o Partido Popular”.
Para elo, avogou por reinventarse entre todos, a través dunha mellora na xestión, coa atracción de empresas e o fomento das potencialidades que ten a cidade, como a turística, entre outras. “Non haberá alcalde que cambie a tendencia da súa cidade se non conta coa convicción precisa, co apoio político imprescindible, pero tamén coa disposición dos veciños para cambiar as cousas”, concluíu.
BIOGRAFÍA JULIA RODRÍGUEZ
Natural de Monforte, Julia Rodríguez Barreira, naceu en 1967. Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, compaxinou o exercicio profesional da avogacía coas súas responsabilidades políticas, onde xa dispón dunha ampla experiencia e grande responsabilidade.
A nivel local liderou o Grupo Municipal do Partido Popular onde ostentou a portavocía dende o 2011. Nese ano foi a primeira ocasión na que se presentou como cabeza de lista do PP ás eleccións locais, acadando 6 concelleiros, un menos que os do actual alcalde e aumentando o respaldo electoral en 12,5 puntos porcentuais e máis de 1.600 votos.
Exerceu como senadora pola provincia de Lugo ata a súa elección, o pasado mes de outubro, como deputada no Parlamento de Galicia onde exerce a portavocía de Igualdade do Grupo Parlamentario Popular. Nas últimas eleccións autonómicas, a súa candidatura foi a que máis votos obtivo entre os veciños do seu municipio.