Santiago, 14 de novembro de 2014.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a iniciativa formulada polo Grupo Popular para que, no marco do novo período de actividade dos Grupos de Acción Costeira (GAC), se estableza unha maior intensidade de apoio ao propio sector máritimo-pesqueiro, en concreto, financiando de xeito preferente aqueles proxectos que se destinen aos profesionais do mar e do marisqueo.
O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, explicou que a Consellería do Medio Rural e do Mar financiou desde 2010 máis de 500 proxectos dos Grupos de Acción Costeira, por un importe de máis de 28 millóns de euros. Destes, entorno ao 40 por cento foron xestionados directamente por profesionais do mar ou polas súas entidades asociativas, unha porcentaxe que pretende elevarse aplicando este novo criterio.
TRABALLO ARDUO, PERO GRATIFICANTE
Balseiro explicou que esta petición concorda plenamente co previsto no novo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, que se aplicará durante o período comprendido entre os anos 2014 e 2020. Tamén reflicte fielmente as conclusións formuladas polos propios integrantes dos GAC nas distintas xuntanzas de avaliación organizadas nos últimos anos, uns encontros nos que Galicia foi pioneira.
O deputado popular dixo que a posta en marcha dos Grupos de Acción Costeira ten sido un traballo arduo, ao tempo que gratificante e satisfactorio, o que non implica que poida ser mellorado. Sinalou que os sete GAC existentes en Galicia contan coa implicación directa de máis de 330 entidades, entre elas un número importante de confrarías de pescadores, aínda que tamén representantes doutros ámbitos como o social, o económico ou o público.
MERGULLADORES
Por outra banda, o Grupo Parlamentario Popular rexeitou a iniciativa formulada polo PSOE en relación co colectivo de mergulladores, por entender que as peticións socialistas “eran xenéricas, imprecisas ou incluso, levaban á confusión”, impropias dun deputado, José Val, que tivo importantes responsabilidades no ámbito da pesca e que agora formula iniciativas desde o total descoñecemento.
Así, por exemplo, Balseiro non entende que o PSOE demande o recoñecemento das enfermidades profesionais deste persoal, cando estas xa forman parte do cadro aprobado na abondosa normativa vixente no ámbito da prevención de riscos. Hoxe xa están recoñecidas tanto as enfermidades profesionais do persoal encargado dos traballos subacuáticos ou en medios hiperbáricos, ao igual que, desde o ano 2013, inclúese a enfermidade descompresiva ou a osteonecrose disbárica, consecuencia dunha mala descompresión
Tamén indicou que na actualidade moitos profesionais mergulladores xa cotizan no réxime especial do mar e, aínda que é certo que non son todos os buzos, si estarían incluídos os dedicados a actividades de pesca extractiva ou os enrolados en buques pesqueiros, non así os adscritos a outras actividades industriais non pesqueiras.
Finalmente, Balseiro sinalou que aínda que non existe constancia de que os integrantes da Comisión Galega de Mergullo Profesional teñan solicitado unha reunión, non hai problema algún para reunila si o demandan, aínda que, si é público e notorio que a Secretaría Xeral do Mar mantén reunións periódicas cos colectivos de mariscadores que empregan a técnica do mergullo para analizar distintos aspectos dirixidos á mellora da súa actividade profesional.