Partido Popular de Lugo

O CONCELLO DE BURELA INVESTIRÁ NA POSTA EN MARCHA DA ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA 15.000 EUROS

Burela, 14 de novembro de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, anunciou que a finais deste ano ou principios de 2015 estará funcionando a administración electrónica no Concello de Burela “a pesar da nefasta xestión da Deputación Provincial de Lugo nesta materia”. O investimento a realizar na súa instalación ascende a 15.000 euros, ao que logo se engadirán os custes anuais de mantemento.

O rexedor lembrou que “tal e como anunciamos hai unhas semanas o Concello de Burela vai a poñer en marcha a administración electrónica, probablemente antes de finais de ano, para cumprir coa Lei de Transparencia que vai a entrar en vigor a principios do ano 2015. Isto vai a supoñer un custo para o Concello de aproximadamente 15.000 euros, aínda que sen dúbida ningunha imos gañar en transparencia, que é do que se trata, e imos gañar en eficacia e tamén en eficiencia. De tódolos xeitos quero recordar que a Deputación Provincial de Lugo, que goberna o señor Gómez Besteiro, no seu día anunciou que ía  instaurar a administración electrónica en tódolos Concellos da provincia. Isto foi alá polo ano 2009-2010, e a día de hoxe, cando xa está rematando 2014 e dentro de pouco máis de mes e medio imos a iniciar un novo ano 2015, a Deputación aínda non cumpriu os seus compromisos”.

González Barcia subliñou que “se o Concello de Burela vai ter que abonar 15.000 euros por poñer en marcha a súa administración electrónica, é precisamente polo abandono e a neglixencia da Deputación Provincial de Lugo, porque fixo moi mal as cousas e sinceramente debería dar explicacións convincentes de onde empregou os cartos que se levan invertido tanto na primeira fase do Innóvate con 9 millóns de euros, coma na segunda con 16 millóns de euros. Unha segunda fase que xa tiña que estar rematada a finais do ano pasado”. O alcalde burelés considera que “isto o deben saber os cidadáns, especialmente os cidadáns de Burela, e deben saber tamén que na primeira fase do Innóvate o que fixo a Deputación no noso Concello foi dende o primeiro momento, todo hai que dicilo, enviar dous ordenadores de mesa, dous ordenadores portátiles e unha pantalla de televisión e nada máis. E nesta segunda fase do Innóvate se colocou  única e exclusivamente unha antena de wifi que ten unha capacidade de 56 ks, que é unha capacidade propia da época do nacemento de internet. Esa capacidade hoxe en día xa non se usa, porque é evidentemente moi pequena”.

José Mª González Barcia indicou que “a día de hoxe se está esperando a que por parte da Deputación se envíen as distintas claves aos usuarios, é dicir, aos empregados municipais que podían ter acceso á administración electrónica e no Concello de Burela o único que funciona é o Rexistro, pero logo non se pode levar a cabo ningún seguimento da documentación en soporte electrónico. Polo tanto, como digo, nós imos poñer en marcha a administración electrónica, estamos rematando cos trámites administrativos que hai que facer e que son obrigatorios, porque hai que cumprir a Lei de Contratos do Estado.

Pero, en todo caso, resulta lamentable que se teñan eu creo que dilapidado 25 millóns de euros dende o ano 2010 ata este 2014, cando se dixo que se ía levar a cabo a administración pública en tódolos Concellos e parece ser que na propia Deputación aínda non funciona”.

O alcalde de Burela engadiu: “e isto nesta época onde temos un deputado provincial, o señor Llano, que forma parte da Corporación Municipal de Burela, e ademais sendo responsable das novas tecnoloxías, resulta sorprendente que a Deputación non teña feito nada máis en Burela, porque el debería xustificar o seu posto e debería xustificalo máis se cabe no Concello onde é concelleiro. En todo caso, todos sabemos da enorme capacidade de traballo do señor Llano, e iso se traduce precisamente na enorme rapidez coa que a Deputación pon en marcha a administración electrónica.

Espera o Concello da Deputación, e do señor Besteiro en concreto, que algún día dea explicacións e nos diga porque os Concellos temos que poñer cartos do noso peto, e do peto de todos os cidadáns, para poñer en marcha a administración electrónica. E tamén, que nos explique que pasou realmente cos 25 millóns de euros de cartos públicos que o señor Besteiro tiña a obriga de investir precisamente na administración electrónica, facendo chegar esta  administración a tódolos Concellos e en definitiva,a tódolos cidadáns”.

González Barcia e o seu equipo contan que “a finais do presente ano, ou comezos do vindeiro 2015 coma moito, a administración electrónica sexa unha realidade no Concello de Burela, grazas a este equipo de goberno municipal e evidentemente, a pesar da nefasta xestión da Deputación Provincial bipartita que preside o señor Gómez Besteiro.”