Partido Popular de Lugo

Se do PSOE dependera hoxe non existira o novo servizo de oncoloxía do Hospital da Costa

Lugo, 13 de novembro de 2014.- O Partido Popular da Mariña considera que os veciños da comarca deben saber que, se do PSOE dependera, hoxe non existiría o novo servizo de oncoloxía no Hospital da Costa. Realizan esta afirmación con rotundidade porque, lembran, nin o PSOE nin AGE apoiaron á iniciativa promovida polo Grupo Popular, e polo deputado Jose Manuel Balseiro, no Parlamento de Galicia para a posta en marcha deste servizo.

“Nunca poderemos entender como un partido político como o socialista, coa implantación que ten na comarca, puido actuar dun xeito tan irresponsable, tan errado e insensible cos enfermos de cancro da Mariña”- aseguran desde o PP. Para concluír afirmando que se hoxe non existira unha maioría do PP no Parlamento galego, hoxe tampouco teríamos este servizo, porque se negaron a apoiar a súa creación.

RECLAMAN UNHA EXPLICACIÓN PÚBLICA

Os populares insisten en que PSOE e AGE deberían verse obrigados a dar unha explicación pública aos veciños da comarca, en concreto, para pedir perdón. “Deberían recoñecer que se teñen equivocado -e moito- nesta materia”- aseguran desde o PP.

MÁXIMA SATISFACCIÓN

Os populares conclúen, como non podía ser doutro xeito, amosando a súa total satisfacción, e a de todos os cargos públicos, alcaldes, portavoces, deputados e o conxunto dos representantes populares, tras ver como hoxe se converte en realidade esta promesa, como hoxe, co impulso do Goberno galego, dan inicio as consultas para pacientes con cancro no Hospital da Costa, e se cumpre o acordo impulsado polo Grupo Popular no Parlamento de Galicia.