Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR CRITICA QUE A OPOSICIÓN RACHARA CO CONSENSO DE MÍNIMOS RESPECTO AO CONTROL E CULTIVO DE TRANSXÉNICOS EN GALICIA

Santiago, 13 de novembro de 2014.- A portavoz de Medio Rural do Grupo Popular, Isabel García Pacín, criticou hoxe que os grupos da oposición “racharan co consenso de mínimos acordado no 2008 respecto ao control e cultivo de transxénicos en Galicia”. Ademais, lamentou que os socialistas galegos “se sumaran por primeira vez a esta postura radical contra os transxénicos que defenden os nacionalistas, mudando a posición máis permisiva que mantiveron todos estes anos”.

García Pacín explicou que o grupo de AGE defendeu esta mañá no Parlamento “unha proposición non de lei na que se recollía unha parte do acordo unánime acadado en 2008 respecto aos transxénicos e engadía outros puntos que consideramos totalmente innecesarios dados os controis que, tanto a nivel galego como nacional, xa existen”.

SEN SOLICITUDES DESDE HAI ANOS

“Galicia non permanece allea a este debate, polo que está sometida tanto á lexislación europea e nacional, formando parte do Comité Nacional de Bioseguridade que, en coordinación co Consello Interministerial de órganos modificados xenéticamente, é a quen lle corresponden as autorizacións de actuacións relacionadas cos organismos mellorados xeneticamente”, sinalou a portavoz popular.

Ademais, Isabel García apuntou que “hai anos que en Galicia non se fixeron solicitudes para levar adiante proxectos de organismos mellorados xeneticamente, polo que consideramos que non se fai necesario a creación de órganos de supervisión e seguemento a nivel galego que dupliquen as actividades que xa levan adiante organismos especializados a nivel nacional”.