Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO GALEGO ACORDA, CO VOTO FAVORABLE DO GRUPO POPULAR, PEDIR A RTVE QUE RECONSIDERE O CESE DE EMISIÓNS DE RADIO EXTERIOR DE ESPAÑA EN ONDA CURTA

Santiago, 12 de novembro de 2014.- O Parlamento de Galicia acordou hoxe, co voto favorable do Grupo Popular, pedir á Corporación Pública da Radio Televisión Española (RTVE) que reconsidere o cese de emisións de Radio Exterior de España a través da onda curta.

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, explicou que defenden esta demanda en consideración aos prexuízos que se causan aos miles de tripulantes galegos das embarcacións de altura e gran altura que xa non poden escoitar esta emisora pública, a través da onda curta, unha tecnoloxía que permitía achegar as noticias e a actualidade do noso país a todos os puntos do planeta, con independencia do mar ou océano onde estean traballando.

XESTIÓNS DO GOBERNO GALEGO

Balseiro lembrou que desde que se coñeceu a intención de RTVE de promover este apagón, tanto o Presidente da Xunta de Galicia, como desde a Secretaría Xeral de Medios e desde a Consellería do Medio Rural e do Mar se efectuaron distintas xestións diante da administración central amosándose favorables a esta demanda.

Os populares decidiron apoiar este acordo parlamentario, para manifestar a unanimidade da Cámara galega en relación con este asunto, aínda que lembraron que o Consello de Administración de RTVE, a petición do seu novo presidente, xa adquiriu o compromiso de estudar as consecuencias, as distintas alternativas e as posibilidades técnicas e custe económico para retomar estas emisións.

MÁIS DE SETENTA ANOS DE SERVIZO
 
Balseiro lembrou que Radio Exterior de España (REE) naceu hai máis de 70 anos e, desde o seu inicio, foi configurado como un medio dirixido a moitos dos nosos concidadáns que se atopan fóra e tamén para estranxeiros interesados polo noso país.
 
Cada hora, dan conta da actualidade ao resto do mundo. Ademais, Radio Exterior de España conta cunha amplísima oferta de programas, entre os que cabe destacar a emisión de espazos destinados á aprendizaxe de idiomas, incluído o galego, ao turismo, á música, ao deporte, ao mar, á solidariedade, á ciencia ou á medicina.
 
Balseiro puxo de relevo tamén que no ámbito internacional outras compañías públicas, veñen actuando na dirección contraria e están reforzando as súas emisoras dirixidas ao exterior, como é o caso da BBC, Radio France Internacionale, Deutsche Welle, China Radio Internacional o Voice of America.