Partido Popular de Lugo

O PP de Mondoñedo denuncia “abandono” no mantemento do alumeado público

Mondoñedo, 05 de novembro de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo denunciou esta mañá “abandono” por parte do equipo de goberno do Concello no mantemento da iluminación pública; ao tardar ou incluso non levar a cabo simples tarefas como é a reposición de lámpadas ou cristais.

Os populares recibiron queixas dos veciños entre as que se atopan, por exemplo, que o Concello tarde ata máis de dous meses en repoñer unha lámpada do tendido público.  Dende o Partido Popular pregúntanse como é posible que transcorra un prazo de tempo tan amplo simplemente para cambiar bombillas ou cubertas de farois.

Esta falta de mantemento afecta aos veciños tanto do casco urbano como do rural pese a que a situación, segundo manifestan os populares, “vólvese especialmente preocupante nas parroquias, xa que a falta de reparación tradúcese en zonas de continua escuridade”. “Farase responsable o goberno local dos posibles accidentes que se producen pola falta de luz?”, pregúntanse os populares.

Polo tanto, “queda demostrado que os veciños pagan relixiosamente os impostos pero realmente non reciben unha contraprestación en servizos por parte do goberno local”.

Así, como exemplo desta carencia de servizos por parte do goberno local, os populares citan que no concello de Mondoñedo existe un único semáforo que pese as peticións dos veciños e do PP “segue sen funcionar, chegando a confundir incluso aos condutores que se deteñen xa que hai días que o reflexo do sol leva a pensar que a luz vermella está activada”.