A Mariña, 4 de novembro de 2014.- O Partido Popular da Mariña lucense considera que a Plataforma Sanitaria “perdeu o norte” coas súas críticas ante a inminente posta en marcha do hospital de día oncolóxico e indicou que este colectivo “está sempre en contra de todo”
Os populares consideran absurdo as contradicións e bandazos dos argumentos empregados pola Plataforma Sanitaria, e lembran que estas mesmas persoas fai tempo daban por feito o inminente peche do Hospital da Costa e reclamaban novos servizos e agora, fan todo o contrario, criticando ao Goberno galego pola inminente posta en marcha da sala de tratamentos de quimioterapia.
CRÍTICOS COAS MELLORAS SANITARIAS
O Partido Popular da Mariña nin entende nin comparte as críticas deste colectivo integrado por partidos da oposición (PSOE e BNG) e sindicatos afíns, ante unha mellora sanitaria como é o hospital de día oncolóxico da Mariña, que evitará o desprazamento fóra da nosa comarca de moitos enfermos de cancro. Sinalan ademais que a pesar destes reproches seguirán traballando para facer realidade pronto este novo servizo.
AMPLIACIÓN DO HOSPITAL
Os populares tampouco entenden as críticas da Plataforma Sanitaria ao proxecto de ampliación do Hospital e o ánimo de restarlle importancia ao que probablemente é “o proxecto máis ambicioso e esperado dos promovidos pola Xunta nos últimos anos”
Desde o PP da Mariña acusan á Plataforma Sanitaria de mentir cando din que as obras de ampliación se prolongarán durante 19 anos. Neste senso aclaran que a programación deseñada polo SERGAS establece un cronograma de 37 meses (tres anos e un mes) e lembran que en 2015 o Goberno galego consignou un millón de euros para iniciar estas obras. Como é lóxico os traballos iránse pagando segundo finalicen as obras, non antes, e por iso o groso do orzamento se presupostará en vindeiros anos.