Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR SUSPENDE Á XESTIÓN DE BESTEIRO NA DEPUTACIÓN DE LUGO E CUALIFICA DE FUME OS ORZAMENTOS PROVINCIAIS PARA 2015

Santiago, 4 de novembro de 2014.- O deputado do Grupo Popular e Secretario xeral dos populares lucenses, Jose Manuel Balseiro, deu esta tarde no Parlamento un sonoro suspenso ao Goberno bipartito da Deputación de Lugo e ao seu Presidente, Jose Ramón Gómez Besteiro, en materias tales como as políticas de emprego, a transparencia, a xestión económica ou a obsesión do propio Besteiro por dar prioridade ao partido sobre as súas responsabilidades na institución da que percibe o seu soldo.

Jose Manuel Balseiro dixo que “son tamén os veciños da provincia os que non dan o aprobado ao bipartito”, tal e como amosaron os moi malos resultados de PSOE e BNG nos últimos procesos electorais, e sinalou que unha gran parte deste descontento xurde porque “non se está aproveitando a Deputación para apoiar aos concellos ou impulsar políticas que redunden no progreso da provincia”.

De feito, Balseiro indicou que, unha vez máis os orzamentos da Deputación de Lugo -cuxas liñas mestras foron presentadas esta tarde ante a Comisión de Orzamentos do Parlamento de Galicia- volven a ser “pouco máis que fume, o bipartito non executa gran parte do seu contido”

Balseiro asegurou que a posta en marcha duns orzamentos participativos valeulle a Besteiro “para gañar un titular e realizar promesas que non cumpre”. Neste sentido, denunciou que “aínda non aclararon se as contas incorporarán gran parte das demandas formuladas polos colectivos sociais da provincia, pero si sabemos que desprezan e impiden a participación dos alcaldes”, que non puideron achegar distintas propostas.

PRESIDENTE AUSENTE

Por outra banda, os populares non dubidaron en cualificar a Besteiro de “presidente ausente” tras revelar que non asistiu a 22 das últimas 43 Xuntas de Goberno celebradas e preguntáronse que estarían dicindo os socialistas se Feijóo non asistise á máis da metade dos Consellos da Xunta. Indicou tamén que das últimas 98 convocatorias de prensa, 53 correspondían a actos de Besteiro como secretario xeral do PSdeG e só 45 como Presidente da Deputación.

Os datos económicos tampouco avalan a xestión de Besteiro, tal e como amosa o contido das Contas Xerais da Deputación, que son o documento oficial que certifica sen manipulación posible a liquidación dos orzamentos. Balseiro lembrou que o bipartito “multiplicou case por catro o endebedamento por cada lucense, ata os 114,80 euros, ao tempo que no 2013, último exercicio liquidado, a Deputación acumulaba 52,1 millóns de euros en obrigacións pendentes de pago”.

Balseiro tamén aproveitou a presenza de Besteiro no Parlamento para esixirlle que cumpra as recomendacións formuladas polo Valedor do Pobo, alto comisionado da Cámara galega, nas que censuraba que a Deputación decidira ocultar o concepto das facturas que abona para impedir a labor de fiscalización e control da oposición.

O deputado popular lembrou que o bipartito cambiou o criterio que viña empregando e pasou a encriptar as facturas que aproba para impedir que podan volverse a dar casos tan escandalosos como cando o PP denunciou que a Deputación invitou a comer a 300 sindicalistas dun sindicato próximo ao PSOE.

PLAN DE EMPREGO DISCRIMINATORIO

Balseiro dixo tamén que Besteiro “non pode presumir de transparencia cando evita responder preguntas, non responde no prazo marcado pola lei ou limita o acceso aos expedientes solicitados pola oposición”. “De 218 solicitudes formuladas polo PP hoxe teñen pendentes de resolver case a metade”, concretou.

Outra das áreas nas que os populares suspenden ao bipartito provincial é a relativa ás políticas de emprego. Balseiro lembrou que cando o bipartito non se dedica a financiar, como aconteceu este ano, un plan de emprego discriminatorio que excluía a 55 dos 67 concellos da provincia, decide ofrecer actividades formativas con títulos sen homologar e que, por iso, non dan dereito a obter o correspondente certificado de profesionalidade.