Partido Popular de Lugo

O GPP lamenta que os cursos do Pacto polo Emprego II non estean homologados

Lugo, 31 de outubro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular lamenta que os cursos formativos para desempregados que se desenvolverán dentro do Pacto polo Emprego II non estean homologados.

Os populares explican que estas actividades formativas non darán acceso automático ao certificado de profesionalidade; é dicir, unha vez obtido o diploma de asistencia ao curso non se faculta ao participante á obtención deste recoñecemento.

Dende o Grupo Provincial do Partido Popular lembran que xa advertiran desta circunstancia en anteriores fases do Pacto polo Emprego. Así, en xuño de 2012 levaron a pleno unha pregunta interesándose por este feito tendo en conta a preocupación que suscita este tema entre os cidadáns.

Polo tanto, os populares lamentan a escasa validez destes cursos que non puntuarán para optar a outras prazas ou postos de traballo; e, deste xeito, os participantes están a perder dereitos e oportunidades. “Estase ante unha nova oportunidade perdida da Deputación, que puido deseñar un programa moito más ambicioso e útil”.