Partido Popular de Lugo

O PP de Mondoñedo acusa ao equipo de goberno do Concello de xerar alarma sen fundamento sobre o servizo de comedor na gardería

Mondoñedo, 28 de outubro de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo lamentou esta mañá que o equipo de goberno do Concello se dedicase a xerar alarma, sen estar fundamentada, sobre a garantía do servizo de comedor na gardería; no lugar de emprender as xestións oportunas para que o posto da única persoa responsable de cociña fose cuberto ante posibles baixas ou vacacións.

Dende o Partido Popular de Mondoñedo explican que ata agora era o Concello quen, con persoal propio, cubría esta ausencia da traballadora; función que a partir dagora “aseguran que non volverán a asumir”.

Neste senso, os populares pedirán explicacións en pleno sobre a “irresponsabilidade e pouco traballo do Concello”; ata o punto de que na reunión do Consello Escolar; o equipo de goberno limitouse a dicir que ante unha posible baixa da responsable de cociña “os nenos quedarían sen comer”.

Os populares preguntarán tamén se o Concello emprendeu algunha xestión para garantir o servizo do comedor da gardería antes de intranquilizar aos pais e nais. Así, “cando menos, e ante a falta de traballo, sería necesario ser prudente”.

Por último, os populares queren agradecer o compromiso do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar  que vén de comunicar que procederá á cobertura temporal do posto da persoa que realiza labores de apoio e se encarga da cociña. Polo tanto, “o equipo de goberno dedicouse a xerar alarma cando non está fundamentada”.