Lugo 28 de outubro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular demostrou hoxe en pleno o compromiso da Xunta de Alberto Núñez Feijóo cos gandeiros e co sector lácteo; así instouna a “que continúen” a traballar nas medidas dirixidas á mellora do prezo lácteo e das relacións contractuais.
“Os que no goberno da Xunta e do Estado non fixeron nada, agora reclaman variñas máxicas”, matizaron dende o Grupo Provincial do Partido Popular e engadiron que “en oito meses fixemos máis que eles en oito anos” ata o punto de que “socialistas fóra desta comunidade recoñécennos a loita nesta demanda de consolidación da fortaleza do noso sector lácteo”
A Xunta traballa
En contra do que din os socialistas, dende o ano 2009, Galicia adoptou medidas para mellorar a competitividade das explotacións, a súa capacidade financeira e de liquidez e a estrutura comercial do sector.
Entre as actuacións postas en marcha pola Xunta de Galicia, no pleno da Deputación fíxose referencia, entre outras a: mellora da base territorial das explotacións a través da Lei de Mobilidade de Terras, Lei de Montes e proximamente coa Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria e a inclusión de terreos de propietarios descoñecidos; disposición de axudas diversas para paliar a crise que afrontaba o sector pola caída de prezos e priorización das axudas da PAC; publicación do Decreto que regula o procedemento de recoñecemento e rexistro das Organizacións de Produtores de leite, posta en marcha de ‘Galega 100%’…
Hipocresía socialista
Así, os populares critican a “hipocresía” dos socialistas que, por exemplo, “resulta curioso que cando baixa o prezo do leite a culpa é da Xunta, e cando sube son os mercados…”. “Estamos en prezos incrementados, cun ascenso do 18,5% dende xullo de 2012; pasando dos 28,42 céntimos aos 33,69 en xullo de 2014”.
“Conseguimos unha PAC especialmente favorable ao sector lácteo e conseguíronse axudas acopladas importantes cumprindo as peticións dos sindicatos; estamos a traballar para trocar o sistema de xeración de valor do leite con ferramentas como a Lei de Mellora da Cadea Alimentaria, a Lei da Concentración da oferta ou a posta en marcha de contractos lácteos obrigatorios…”
Polo tanto, “a preocupación do PP cos gandeiros é seria, -non de busca de titular político-, ademais de coherente, xa que, por exemplo, os que agora demandan contratos dun ano, antes reixeitábannos” .
Os populares deixaron claro que a situación do sector lácteo “atópase entre as prioridades do partido”; porén, a negativa dos socialistas de aceptación á votación por puntos na moción, obrigou ao PP a absterse xa que algunha das peticións eran “inviables económica e legalmente”