Lugo, 28 de outubro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular asegurou hoxe, durante o debate da iniciativa presentada polo BNG sobre o apoio á comercialización de proximidade de produtos agrogandeiros, que os nacionalistas “chegan tarde e están desinformados” xa que as súas peticións “están a ser atendidas pola Xunta de Galicia”.
“De estar tan interesados nos produtores galegos como queren facernos ver nesta moción; non descoñecerían actuacións de relevo que se está a promover a administración autonómica”, e que permitirán dinamizar a venda de proximidade.
Así, no que respecta ao primeiro punto do acordo da moción presentada polos nacionalistas e no que demandan actuacións específicas de apoio a este tipo de comercialización; os populares puxeron como exemplo de traballo da Xunta a publicación do Decreto polo que se regula a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final, que entrou en vigor o pasado luns 20 de outubro. “Polo que chegan tarde con esta petición”.
No que respecta ao segundo punto da iniciativa nacionalista sobre o impulso dunha marca de calidade que ampare e identifique os produtos da horta galega; “xa a temos, xunto co seu logotipo e que se denomina Nosa Horta. Agora a Consellería atópase traballando para poñela en funcionamento”. Polo tanto, “a petición do BNG volve a chegar tarde”.
E por último, os nacionalistas solicitan a apertura dun diálogo constante co sector “cando Medio Rural xa está en contacto diario cos produtores, asociacións, cooperativas, sindicatos…”. “A Xunta de Galicia mantén este contacto co sector en tódolos temas da súa competencia” e, por exemplo, na redacción do PDR 2014-2020 a administración autonómica do PP mantivo múltiples xuntanzas con axentes do rural e dúas con todos os interesados. Este proceso actual marca unha diferenza co PDR 2007-2013, co bipartito na Xunta, xa que o día que se publicou “foi cando se enteraron non só a xente de fóra, senón os propios funcionarios xestores das liñas da propia Consellería”.
Coñecedores destas actuacións, os populares emendaron a proposta dos nacionalistas instando ao Goberno galego a que continúe cos traballos tanto a prol da dinamización da venda de proximidade; como do impulso da marca de calidade.