Lugo 28 de outubro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo non aceptou hoxe en pleno a proposta dos socialistas de destinar o Mirador a albergue, ao tratarse dunha iniciativa que “non xera riqueza na localidade, nin aceptan os propios veciños”, que, segundo os populares, a cualifican de “broma, chiste, maniobra cínica e mesmo bomberada”.
Polo tanto, dende o Partido Popular deixaron claro no debate celebrado esta mañá que non aceptan unha iniciativa que “alonxa aos peregrinos tres quilómetros arriba da localidade”, a maiores, os populares aclararon que o Camiño Norte non descorre por onde está ubicado o Mirador.
Manobra política
Os populares lembran que o actual equipo de goberno da Deputación de Lugo recibiu o Mirador en funcionamento e agora está desvalixado. “O único que fixeron foi tapiar as portas e as ventás dende que xa levaran o que había dentro”, explicaron dende o PP, ao que engadiron que “en oito anos de goberno non fixeron nada e, a sete meses das próximas eleccións, ocórreselles unha visita a Mondoñedo”.
Dende o GPP consideran que se está ante “unha manobra cínica, ante unha estratexia política, coa que buscan soamente librarse dun morto”; polo que lles piden que “traballen, que cumpran coa súa responsabilidade e que lle dean unha solución ao Mirador beneficiosa para Mondoñedo”. “Traballen algo por Mondoñedo e non queiran deixar un edificio en ruínas na man da institución na que non gobernan”.
O alcalde xa lles dixo o que quería para Mondoñedo
Durante o transcurso do debate da moción, os populares tamén lle lembraron aos socialistas na Deputación que o propio alcalde da localidade (BNG) e o daquela seu socio de goberno (PSOE) en 2007, 2008.. xa lles dixeran que querían para o Mirador “e era un hotel, non un albergue de peregrinos”.
“Está claro”, aseguraron dende o GPP que, “nunca quixeron facer nada”. No primeiro trimestre do 2011, o alcalde de Mondoñedo anunciaba a existencia de dous interesados para xestionar o Mirador como negocio da hostelería. “Pero que foi dese proxecto?”, pregúntanse dende o GPP, “claro, anunciouse no primeiro trimestre de 2011 e había eleccións en maio de 2011”, recriminaron os populares. “Agora estamos ante unha nova estratexia política e creo que lles vai facer mal”, matizaron.
O BNG non o ten claro
Os populares din que o BNG na Deputación sabe que Mondoñedo non quere un albergue de peregrinos no Mirador. “O BNG deixa entrever que non confía na proposta socialista, primeiro non firman a moción do PSOE e agora piden un albergue que chaman multifuncional”. Polo tanto, os nacionalistas o que buscan é, “soamente, criticar á Xunta de Galicia”.