Lugo, 27 de outubro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular interesarase no pleno de mañá pola adecuación integral da estrada da Deputación de Lugo C.P. 5903, que une Sober con Doade.
Os populares lembran, que tal e como lle trasladaron estes días os afectados ao alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, a administración lucense interveu de xeito parcial nesta estrada e fíxoo nun treito que presentaba un estado de conservación mellor que o resto da vía.
Esta circunstancia provocou a indignación dos usuarios que non entenden que se dotase dun novo pavimento só entre os quilómetros 12 e 13, cando a estrada atópase totalmente impracticable dende o quilómetro 8 en As Gándaras.
“Actuaron na metade do camiño, no lugar de iniciar o arranxo onde sería o máis lóxico por Doade ou As Gándaras”, matizaron dende o GPP. Por iso, na pregunta que presentan para a súa resposta no pleno de mañá martes, os populares interésanse pola circunstancia que motivou ao organismo provincial a intervir só neste tramo intermedio.
O alcalde de Sober, atendendo ás peticións dos afectados, trasladou á Deputación en infinidade de ocasións as queixas e pediu a intervención e mellora desta estrada. Deste xeito, o Grupo Provincial do Partido Popular tamén preguntará en pleno se a administración lucense prevé actuar nos restantes tramos da estradas C.P.5903, que necesitan dunha reparación urxente