Partido Popular de Lugo

O PP de Mondoñedo presenta unha relación de obras prioritarias para o seu arranxo con cargo ao Plan de Mellora de Camiños

Mondoñedo, 24 de outubro de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo rexistrou esta mañá no Concello un escrito dirixido ao alcalde da localidade, o nacionalista Orlando González,  no que relaciona unha serie de obras prioritarias para o seu arranxo con cargo ao Plan Marco do Programa de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal 2014-2015.

No referido escrito os populares trasladan as diferentes peticións que lles fixeron chegar veciños das distintas parroquias de Mondoñedo; e nas que se requiren actuacións inmediatas dirixidas á mellora do estado de camiños municipais, tanto de adecuación do firme como de limpeza e mantemento de cunetas.

Os populares lembran que Mondoñedo recibirá deste programa impulsado pola Xunta de Galicia preto de 100.000 euros (máis de 16 millóns das antigas pesetas); sendo a administración local a encargada de propoñer a relación de obras a executar con cargo a estas axudas.

Obras propostas polo Partido Popular
Ao igual que solicitou noutras ocasións, o Partido Popular de Mondoñedo pídelle ao goberno local que teña en conta a necesaria actuación de adecementamento e limpeza de cunetas dos camiños da concentración parcelaria das parroquias de Masma, Vilamor e Coubeira.

Así, os populares tamén propoñen melloras e reforzo do firme en camiños municipais de San Martiño de Figueiras e Estelo; en barrios de Centeás, Xercido e o Burgo (Oirán); así como na parroquia dos Remedios en zonas como Santa Margarita, Pelourín, Pumariño e mesmo nas Curuxeiras.

O acondicionamento de pistas en Lousada, Sasdónigas, parroquia de Santiago e do Carme e no Reguengo; son outras das actuacións trasladadas polos veciños e que os populares fixeron chegar ao Concello a través deste escrito.

A maiores, o PP local reforza tamén a petición de mellora na rede viaria municipal asfaltada da parroquia de Santa María Maior que presenta fochancas en varios lugares como Curros, Ferreira de Abaixo, Moural, Braña, Soutoxane e Vidueiras; a maiores de en Lindín (barrios do Castro, Barral da Cima e Rúa).