Lugo 24 de outubro de 2014.- O deputado nacional, Joaquín García Díez, pediu ao PSOE, concretamente a deputada Margarita Pérez Herraiz, que deixe de enganar e xogar con termos sensibles na poboación que pouco teñen que ver cos custes da enerxía eléctrica.
En referencia a tarifas sociais da luz e outras enerxías de consumo doméstico, García Díez advertiu que “non se pode falar de devaluar a calidade de vida dos lucenses, nin de pobreza enerxética, nin de acotar esta lacra e as súas consecuencias demoledoras para os cidadáns Lugo da maneira que demagóxicamente fixo a deputada socialista”.
O popular lembrou que o termo de pobreza enerxética é unha combinación dos ingresos, presos da enerxía e dos deficientes niveis de eficiencia enerxética nos fogares, polo que “resulta chocante que os socialistas falen disto nos termos que o fan, sendo os que provocaron a caída de ingresos con maior escalada do paro en Europa, a peor política enerxética que nos levou a soportar un déficit de tarifa difícil de corrixir e a non actualizar o Código técnico da edificación”- esgrimiu.
Recordou García Díez que durante os gobernos presididos por Rodríguez Zapatero, a enerxía eléctrica incrementou os seus prezos en España en máis dun 65%, sendo este o principal problema de exclusión do consumo de enerxía para a mellora na calidade de vida das persoas e para a competitividade nas empresas.
Dixo García Díez que este tema se manifestou con especial virulencia en España, algo que sumado ao estoupido da crise económica, que o PSOE negou recoñecer, e por tanto en tomar medidas para atallar, “nos levou a esta nova situación de máis paro e menor renda, que incide no acceso ao consumo da enerxía eléctrica, un ben custoso, polo que o PP promoveu unha redución de custes e un incremento de ingresos que propiciaron un descenso no prezo da enerxía eléctrica para un consumidor medio no 2013 dun 3%”.
Dixo o popular que outro dos factores que inciden no concepto de pobreza enerxética, o relacionado cos deficientes niveis de eficiencia enerxética nas vivendas, tampouco se abordou polo anterior goberno socialista ao non aprobar unha actualización do Código técnico da edificación e por conseguinte atoparnos con problemas derivados da non aplicación de medidas de eficiencia enerxética nos fogares.
Insistiu o deputado nacional que a pobreza enerxética non é un problema enerxético, aínda cando teña que ver con el, se non que nel inciden diversas variables sobre as que este goberno esta actuando dende o primeiro momento facendo fronte á falta de medidas neste campo por parte de outros gobernos e dentro das dificultades que leva implícita unha situación de control de déficit e de crise económica.
Por iso Joaquín García Díez, pediulle á deputada socialista, que non xogue con estes temas sensibles socialmente e xere alarmas so para sacar réditos electorais, cando foron as súas políticas as que levaron á situación actual nos prezos da enerxía. “Non se pode xerar un grave problema e acusar a quen o herda das súas consecuencias”- concluíu.