Mondoñedo, 23 de outubro de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo insta ao alcalde da localidade, o nacionalista Orlando González, a que se posicione e diga se está de acordo coa proposta que veñen de anunciar os socialistas de converter o Mirador de Mondoñedo nun albergue de peregrinos.
Os populares consideran que se está ante unha proposta que “lonxe de xerar riqueza na localidade, afasta aos peregrinos do núcleo mindoniense”, polo que “se ao nacionalista lle interesan iniciativas que lle dean un pulo económico e social ao municipio, desbotará esta dos socialistas, que ten un efecto contrario”.
Neste senso, os populares locais aseguran que a súa liña de traballo “é moi diferente”. “Interésanos Mondoñedo polo que defenderemos só propostas que ao mesmo tempo que poñen en valor os recursos do municipio, tamén xeran riqueza na localidade”.
Un edificio que se deteriorou nas mans dos socialistas
Os populares denuncian a incapacidade da Deputación á hora de xestionar e manter coidadas as infraestruturas da súa propiedade. “Recibiron unhas instalacións que estaban en uso e agora atópanse totalmente desfeitas pola súa indiferenza”.
O PP de Mondoñedo lembra que os populares presentaron en xaneiro unha moción na Deputación para que o ente lucense puxese en valor este inmoble, sendo apoiada co voto a favor tanto de socialistas e nacionalistas. “O compromiso de reactivalo non pasa por regalalo en mal estado”, matizan dende o PP.
Dende o 2011 que a Deputación, unha vez xa en estado ruinoso, intentou malvender o edificio “os socialistas non fixeron nada e a falta de actuación foi total, e agora veñen cunha proposta máis negativa que positiva para a localidade”.
Unha proposta máis propia dunha broma
Os populares consideran, polo tanto, que o alcalde de estar interesado por Mondoñedo “non pode estar a favor dunha proposta que máis que unha iniciativa que implique un pulo para a localidade, semella ser unha broma”.
“Se esta proposta dos socialistas fose boa, o propio Besteiro se achegaría a presentala a Mondoñedo, xa que somos coñecedores do moito que lle interesa a foto”, explicaron os populares.
Esperanza González, máis centrada na estratexia política que en escoitar aos mindonienses
O PP lamenta que a primeira iniciativa que presenta a tenente de alcalde socialista “sexa unha proposta que non xere riqueza na localidade”. “Queremos saber se o alcalde comparte esta actitude”.
Os populares quéixanse de que a socialista estea máis centrada en estratexias políticas, que en escoitar aos mindonienses e captar investimentos para a localidade. “Nótase que isto foi o que aprendeu de Pepe Blanco, as manobras políticas a seguir para botar balóns fora e desfacerse dun morto”.
“A tenente de alcalde debe cumprir coa responsabilidade de resolver os problemas que derivan do posto que ocupa; xa que non só é concelleira en Mondoñedo senón que tamén comparte partido coa institución responsable do Mirador”.