Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR LAMENTA QUE AGE ROMPA O CONSENSO EN APOIO DAS REIVINDICACIÓNS DOS MARIÑEIROS QUE RECLAMAN O SEU DEREITO A PENSIÓN EN NORUEGA

Santiago, 22 de outubro de 2014.- O deputado do Grupo Popular Vidal Martínez-Sierra lamentou hoxe que a iniciativa promovida por Alternativa Galega de Esquerda (AGE) “rompa o consenso existente sobre o fondo do asunto en apoio das reivindicacións dos mariñeiros que traballaron en buques de Noruega e reclaman o seu dereito a pensión neste país nórdico”.

Martínez-Sierra sinala que a petición de AGE, pola que se demandaba á Xunta que asuma o custe da defensa xurídica destas persoas, “non deixa de ser unha esixencia de pago dun interese privado con fondos públicos e, polo tanto, unha petición de dubidosa legalidade”, que xustifica que os populares rexeitasen esta proposición non de lei.

CUESTIÓN DAS CORTES XERAIS

“Si a pretensión é converter este asunto nunha cuestión de Estado, o foro axeitado para manter este debate non é o Parlamento de Galicia, senón as Cortes Xerais onde se dirimen as cuestións sobre relacións exteriores”, apuntou.

Martínez-Sierra sinalou que todos os partidos políticos e todas as administracións públicas (Xunta, Goberno central e UE) consideran a situación destes ex tripulantes como unha “grave inxustiza social que debe ser corrixida”. Porén, lembrou que todas as accións de apoio levadas a cabo polos distintos gobernos atopáronse sempre coa ausencia de resposta por parte de Noruega, a quen desde o Grupo Popular se responsabiliza de non ter chegado a unha solución definitiva e de torpedear continuamente a posibilidade de asinar un convenio bilateral en materia de Seguridade Social.

O deputado popular dixo que, a pesar do tempo transcorrido, “non pechamos as portas ao optimismo xa que a nova documentación en mans da asociación que agrupa a este colectivo de ex mariñeiros, desclasificada por Noruega, e os documentos do Ministerio de Asuntos Exteriores e do Arquivo Nacional do País ofrecen novos argumentos para esixir o pago destas pensións que ata o momento o país nórdico vén denegando”. Vidal Martínez Sierra sinalou que esta nova documentación “da pé, como mínimo, para retomar as negociacións e iniciar unha nova rolda de contactos”.