Partido Popular de Lugo

O GPP reclama a Besteiro, a través dunha moción, que se comprometa a cumprir cos lucenses e atenda as súas verdadeiras peticións nos orzamentos de 2015

Lugo, 22 de outubro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular rexistrou esta mañá unha moción para o seu debate na próxima sesión plenaria da Deputación e a través da que pretende conseguir que o presidente do ente, José Ramón Gómez Besteiro, cumpra cos veciños e atenda nos orzamentos de 2015 ás peticións que lle trasladaron nas respectivas reunións celebradas nos distintos partidos xudiciais.

Os populares lembran que o socialista para a elaboración dunhas contas máis democráticas para 2015, convocou xuntanzas participativas nos distintos partidos xudiciais. “Queremos que este proceso posto en marcha se converta nunha verdadeira ferramenta de canalización das demandas dos veciños e non se dilúa nun mero anuncio, como nos ten acostumados Besteiro”.

Dende o Grupo Provincial do Partido Popular fíxose seguimento destas reunións así como das ideas que alcaldes, veciños e asociacións propuxeron para a súa inclusión nos próximos orzamentos. “Agora queremos que se plasmen en papel e se lles dea unha resposta en positivo; deste xeito pedimos que nas contas de 2015 se habiliten partidas orzamentarias suficientes para cursar estas peticións”.

En varias ocasións, os populares demostraron, en base a datos, a xestión partidista e pouco transparente da Deputación de Lugo á hora de elaborar os seus orzamentos. Deste xeito  e co obxecto de que se cumpra coa finalidade proposta, “presentamos esta iniciativa plenaria, da que cuxo voto en contra só viría a demostrar que Besteiro nin cre nos orzamentos participativos nin se compromete en serio na súa elaboración, só os utiliza como unha ferramenta propagandística”.

A verdadeiras peticións dos veciños

O seguimento feito polos populares das propostas trasladadas por concellos, veciños e asociacións; permítelles resumir en que aspectos versaron as demandas máis reiteradas ao longo das nove reunións.

Así, os populares agrupan estas actuacións en varias áreas e explican que entre as máis demandadas polos veciños para a súa incorporación nos orzamentos participativos atópase a mellora e mantemento de estradas e infraestruturas de titularidade provincial. Dende o GPP citaron, como exemplos, a estrada que comunica Fonsagrada e Navia ou que enlaza as praias de Barreiros e Ribadeo.

A maiores, os veciños demandan emprego e con elo un plan que chegue en igualdade de condicións a todos os concellos; ademais de recollérense tamén peticións para a creación de postos de traballo entre a xuventude.

Por último, un maior compromiso en servizos sociais e, polo tanto, o apoio decidido ao programa básico de axuda a domicilio foi outras das reivindicacións tratadas nas diferentes xuntanzas e, especialmente na zona Sur, fixeron fincapé na mellora do servizo de rutas en catamaráns.