Burela, 20 de outubro de 2014. A Xunta consignou máis de 6 millóns de euros nos orzamentos de 2015 para o acceso ao porto de Burela. Segundo o alcalde, José Mª González Barcia esta cantidade será suficiente para a realización desta obra. E subliña que se trata dunha excelente noticia para Burela e para a comarca da Mariña.
O rexedor explicou que “a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ven de consignar nos presupostos para o vindeiro ano 2015 un total de 6.120.000 euros para o acceso ao porto de Burela.
Tendo en conta que no orzamento da Xunta de 2014 se consignaban aproximadamente 880.000 euros e tendo en conta que o importe total da obra era de 7.500.000 euros, pero a empresa adxudicataria presentou unha oferta por importe de 6.900.000 euros, podemos dicir con total convicción que a cantidade que se consigna para o ano 2015 por parte da Xunta: 6.120.000 euros será suficiente para poder levar a cabo a obra durante todo ese ano, sempre e cando as condicións meteorolóxicas o permitan”.
Para o alcalde burelés: “isto é unha excelente noticia para Burela e para A Mariña porque o porto de Burela non soamente é un pulmón económico do noso concello, que tamén, senón que é un dos pulmóns económicos máis importantes que ten esta comarca”.
Desde o equipo de goberno do Concello de Burela “estamos moi satisfeitos do compromiso con Burela, unha vez máis ratificado vía presupostos, da Xunta, do seu presidente, Alberto Núñez Feijoo, e de todo o seu goberno. Si a isto lle sumamos o millón de euros que se presupostan o vindeiro ano para a ampliación do hospital da Costa, podemos ver que Burela sae moi ben tratada nos orzamentos da Xunta para 2015”.
Precisamente o alcalde, o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Valle, e técnicos do Concello e da empresa que acometerá as obras de acceso ao porto (Copasa) visitaron o pasado venres esa zona.