Lourenzá 17 de outubro de 2013.- Os afiliados do Partido Popular de Lourenzá elixiron como nova presidenta da xunta local a Emma Álvarez, quen na actualidade exerce de alcaldesa no municipio.
Fixérono nun conclave celebrado esta tarde- noite no Salón de Plenos do Concello, e no que estivo presente o líder do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, quen agradeceu o traballo do presidente local saínte e puxo en valor a gran labor que está a desenvolver a recén elixida presidenta local, quen a día de hoxe desempeña a función de rexedora no municipio logo de que o seu antecesor ocupase o posto de deputado autonómico no Parlamento Galego.
O presidente saínte, Vidal Martínez-Sierra, manifestou que esta decisión non é unha despedida á política local, senón que se trata de proseguir co proceso de renovación emprendido coa súa saída da Alcaldía. Comprometeuse a seguir colaborando e aportando a súa experiencia en defensa dos seus veciños.
Agradeceu o apoio e traballo desenvolvido polas persoas que lle acompañaron nas executivas do Partido Popular local ao longo destes últimos anos así como no Concello e agradeceu a confianza que en cada comicio electoral depositaron nel e no seu equipo, os veciños de Lourenzá, simpatizantes e afiliados.
A recén elixida presidenta, Emma Álvarez, foi a única aspirante a presidir a formación local e contou con máis do dobre dos avais necesarios para presentar a súa candidatura. Comprometeuse a seguir traballando polos veciños de Lourenzá, atendendo sempre as súas necesidades, dende a cautela e a constancia. “Débome a eles” – manifestou.
COMITÉ EXECUTIVO DO PP DE LOURENZÁ
Emma Álvarez, nomeou ao comité local, entre os que figuran: María José Lourido, Alejandro Fernández, Manuel López, Rubén Méndez, Encarnación Gueimonde, Darío Rodríguez, María Magdalena Prado, Manuel Goas, María Eva Longarela, María del Carmen Terró. Como membros natos figuran: Dino Vidal e Vidal Martínez Sierra. Como libre designación: Félix Alonso, Edelmiro Gallo, Fe Rodríguez e Lupe Flórez.
Traxectoria da recén elixida presidenta local
Emma Álvarez conta cun ampla experiencia política, primeiro como edil en Lourenzá (desde o ano 2007) e tamén como deputada no Parlamento de Galicia na pasada lexislatura, onde presidiu a Comisión de Agricultura e Montes e levou a portavocía da área forestal e de conservación da natureza. Desde setembro de 2012 exerce como alcaldesa da súa localidade natal.
Nada en Lourenzá , no ano 1974, Emma Álvarez é diplomada en Ciencias Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela. No ámbito profesional traballou na sociedade cooperativa Os Irmandiños desenvolvendo distintos postos de responsabilidade directiva.