Partido Popular de Lugo

Teixido:“Polín pretende tapar a negativa de Besteiro de construír o xeriátrico en Guitiriz”

Guitiriz 16 de outubro de 2014.- O rexedor de Guitiriz, Xosé María Teixido, respondeu esta mañá as demagóxicas declaracións verquidas pola ex alcaldesa do municipio, Regina Polín, no tocante á construción da residencia nos terreos de Parga.

Teixido afirmou que a socialista intenta desviar a atención e culpar ao goberno local para tapar os incumprimentos de Besteiro cos veciños do municipio.

“Regina Polín pretende tapar a negativa do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, de construír o xeriátrico en Guitiriz”- afirmou Teixido, quen tildou a ex alcaldesa de mera defensora dos incumprimentos de Besteiro cos guitiricenses.

O rexedor recalcou que si Gómez Besteiro está disposto a cumprir co pobo de Guitiriz e executar o xeriátrico en Parga, o Concello levará a cabo as modificacións necesarias e puntuais na normativa urbanística.

Lembrou Teixido que a ex alcaldesa e actual deputada provincial foi quen promoveu que Comunidade de Montes mercase, no ano 2008 eses terreos e lembra que lle custaron aos veciños de Parga uns 61.000 euros, uns once millóns das antigas pesetas.

“Obrigouse aos veciños a pagar un terreo que ela promoveu e agora intenta despistar”- sentenciou Teixido.

O popular instou a Polín a deixar a demagoxia e urxa a Gómez Besteiro a cumprir e a executar as obras, posto que “unha vez que o Organismo Provincial faga o seu traballo, o goberno local fará as modificacións convenientes para garantir as necesidades dos veciños de Guitiriz”.

Concluíu Teixido lembrando que, a día de hoxe, Gómez Besteiro non respondeu á súa solicitude de entrevista, o que demostra a súa falta de interese pola construción do xeriátrico.