Partido Popular de Lugo

O PP pide responsabilidades ao equipo de goberno local que pode poñer en perigo investimentos e postos de traballo en Mondoñedo

Mondoñedo, 16 de outubro de 2014.- Tras a noticia publicada hoxe en prensa sobre a posible perda dunha axuda para Mondoñedo ao non serlle concedida á empresa a correspondente licenza municipal; o Partido Popular de Mondoñedo pídelle responsabilidades ao equipo de goberno xa que a súa desidia pode chegar a poñer en perigo investimentos e postos de traballo na localidade.

De confirmarse, polo tanto, a información feita pública pola empresa Eogal, os populares cualifican esta actitude do equipo de goberno de “indignante”. “Parece que Mondoñedo está sobrado de empresas e non existen parados como para que un equipo de goberno dun Concello se desentenda dun proxecto, que implicaría o maior investimento no municipio dende que gobernan socialistas e nacionalistas, estamos a falar de tres millóns de euros”; resaltaron os populares. “Unha vez máis estamos ante outro exemplo de falta de traballo de socialistas e nacionalistas e máis cando hai dúas persoas percibindo dedicación exclusiva”, puntualizaron os populares.

Estaban informados dende fai máis dun ano

En base aos datos aportados pola empresa, os populares destacan que o Concello estaba informado deste proxecto dende fai máis dun ano polo que consideran incomprensible esta falta de implicación. “Existe un prazo establecido e a falta de compromiso de socialistas e nacionalistas poden chegar a poñelo en perigo”.

Ante esta situación, os populares tachan esta incapacidade do goberno de inaceptable e máxime tendo en conta o momento económico no que se produce para Mondoñedo “tan necesitado de investimento e de postos de traballo”

Así, os populares pídenlle a socialistas e nacionalistas máis axilidade  e compromiso para que este proxecto se poda materializar.