Lugo, 14 de outubro de 2014.- A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, asegurou esta tarde en rolda de prensa que os datos reais “desmontan” as declaracións feitas públicas esta mañá polo presidente da Deputación José Ramón Gómez Besteiro; e matizou que “falta á verdade cando describe a forma de tratar á oposición na institución na que goberna”.
A voceira lembrou que o socialista esta mañá fixo alarde de “cinismo político”, ao comparar o funcionamento da Deputación co do Parlamento de Galicia e ao “esixir o que el non fai na administración lucense”. “Na Deputación o grupo da oposición non só non é escoitado; senón que se nos dificulta de maneira constante o noso traballo de control e fiscalización”.
Non se reúne coa oposición
Candia exemplificou a “hipocrisía” posta de manifesto por Besteiro á hora de demandar reunións periódicas coa oposición tendo en conta que a práctica que profesa na Deputación “non é o mellor exemplo de respecto aos dereitos da oposición” e máis tendo en conta que no que vai de ano “só tivemos convocatoria directa do presidente nunha ocasión, e visto o resultado da mesma, era máis propia dun instrumento para acadar un titular político, que dunha reunión de traballo para escoitar á oposición ou para resolver os problemas dos lucenses”.
Evita responder
“Estamos ante un presidente que se pon de perfil ante os problemas dos veciños” explicou a voceira do GPP, quen dixo que “o socialista non é nin quen de responder as preguntas plenarias que van dirixidas directamente ao presidente provincial”. “Sempre relega esta función no voceiro socialista na Deputación, que é o máis claro exemplo do que é a falta de respecto á oposición”.
Non contesta en cinco días
Candia dixo que Besteiro falta á verdade ao asegurar que lle facilita á oposición á información en menos de cinco días. “No que vai de 2014, pedimos ver máis de 201 expedientes, dos cales temos pendentes preto da metade, e non se nos dá acceso á documentación neste prazo; o único que se nos remite nestes cinco días é unha convocatoria de Actas na que se nos comunica se foi admitida ou non admitida a nosa solicitude”.
Así, a voceira dos populares exemplificou que “temos comunicado o acceso para estes días dun expediente cuxa solicitude se tramitou o cinco de maio”, tento en conta, a maiores que, “hai informes que pese a reiteralos en varias ocasións nunca se nos foi permitido o seu estudo e análise”.
O que dixo o Valedor do Pobo
Candia tamén lembrou que existe un informe do Valedor do Pobo no que lle pide á Deputación de Lugo que mellore a súa práctica no terreo da transparencia e con elo o nivel de detalle informativo dos decretos de ordenación de pago.
Polo tanto, “este comunicado non é ningún aplauso por parte do Valedor do Pobo á súa transparencia”, tal e como “quixo facer ver esta mañá”.
Limita o acceso á información como castigo ao GPP
A voceira do Grupo Provincial do Partido explicou que “tras facermos públicos aspectos da súa xestión que non lle gustaron, Besteiro restrinxiunos máis o acceso á información”. “Denunciamos o pago de facturas de comidas a sindicalistas, e a raíz disto encripta o concepto polos que se realizan os pagos”, exemplificou Candia; quen enumerou tamén que “tras facermos público o procedemento do alleamento das accións do Breogán, limitóusenos o acceso aos expedientes dos asuntos das Xuntas de Goberno”.