O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu que tanto o Ministerio como a Xunta de Galicia, “teñen actuado desde o minuto cero” en apoio dos sectores afectados polo veto ruso aos produtos alimentarios europeos e defendeu as medidas específicas que se teñen previsto impulsar no ámbito concreto do sector da pesca.
Os populares rexeitaron deste xeito, a iniciativa do Grupo Socialista formulada na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia porque, “é unha petición que chega tarde” cando reclama medidas que “xa foron aprobadas polas administracións ou que están en pleno desenvolvemento”.
Balseiro foi moi crítico cos socialistas aos que acusou de “buscar simplemente un titular”, desprezando todo o traballo feito en apoio destes sectores, cando “o verdadeiro titular é que o PSOE galego non traballa”, porque do contrario saberían que o Goberno esta levando acabo todas as medidas necesarias para dar unha solución á situación descrita, “aplaudidas incluso desde a Junta de Andalucía”.
MEDIDAS EN APOIO DO SECTOR DA PESCA
Balseiro explicou que a Xunta impulsa, co Goberno de España e o resto das comunidades de autónomas, un catálogo de medidas variadas entre as que están: as dirixidas á apertura de novos mercados alternativos para os produtos alimentarios vetados (internacionalización); a constitución de Grupos de Traballo entre as diferentes administracións e por sectores, para ir detectando impactos en cada mercado e presentando medidas acordes a cada incidencia; ou as axudas directas para a retirada de produtos agrícolas.
No ámbito particular da pesca, Balserio destacou que se está a facer un “arduo traballo” e destacou as medidas de asistencia financeira e flexibilidade: como as dirixidas a aprazar ao ano próximo (2015) ata nun 30% das súas posibilidades de pesca, ou o estudo de axudas ao almacenamento privado de especies, como o marujito, que captura a flota viguesa no Atlántico Suroccidental, para o que hai disposto un fondo que conta con 45 millóns de euros, que permitirían á flota apartar a súa produción non perecedoira ata identificar novos mercados para a súa distribución.
EN GALICIA UN MENOR IMPACTO DO VETO
O portavoz do Mar do Grupo Popular sinalou que en Galicia o impacto total do veto é menor que no resto de España, xa que se destina a Rusia o 0,07% do total de exportacións de produtos alimentarios, na súa maioría, procedentes da pesca
Pola contra, no conxunto de España o ámbito máis prexudicado é o dos produtos da horta, polo volume de exportacións e o seu carácter perecedoiro. Neste caso, España destina a Rusia o 1,8% das exportacións dos produtos agroalimentarios e pesqueiros que se envían a todo o mundo.