Partido Popular de Lugo

O ex tenente de alcalde de Negueira de Muñiz, propietario da casa na que operarios do Concello realizan obras

Negueira de Muñiz 13 de outubro de 2014.- O voceiro do PP en Negueira de Muñiz, José María Braña, tildou de falsas as explicacións do  alcalde sobre as denuncias do Partido Popular no tocante á realización, por parte de Concello, de obras a particulares, pagadas con fondos públicos.

Varias obras na casa do ex tenente de alcalde pagadas con cartos dos veciños

Braña revelou que a vivenda, na que os operarios e maquinaria do Concello están realizando obras, pertence ao ex tenente de alcalde de Negueira e afirmou que non lle están construíndo soamente as beirarrúas senón que tamén lle están asfaltando o curral con formigón.

Denunciou o popular que non son as únicas obras que se levan feito nesta casa, xa que fai aproximadamente uns seis anos, “o Concello construíu e asfaltou, ao carón da vivenda do ex tenente de alcalde, unha pista para acceder a unha capela, situada nas proximidades do domicilio”.

Criticou José María Braña, que sen embargo, as pistas do lugar de Vilar se atopen sen asfaltar, así coma na de Ernes, onde falta un tramo sen asfaltar e en Vilouxín, lugar que carece directamente de pistas.

O alumeado, sen termino medio. Da deficiencia ao despilfarro

Con respecto ao alumeado, o popular afirmou que se pasa do despilfarro á deficiencia e citou varias parroquias como Sarceaga, onde se atopan tres casas habitadas e existe unha soa luz, ou Pieiga, onde no centro do pobo non teñen unha simple iluminación. Sen embargo, criticou, que na praza do pobo, exista un exceso de alumeado.

Neste senso, o popular lembra que nalgunha ocasión o ten chamado algún veciño para darlle as queixas, posto que levaba aproximadamente tres meses sen luz, e tras chamar ao Concello para pedir que lle arranxasen o servizo, lle dixeron que non podían ir a reparalo porque o persoal estaba de vacacións.

Braña tamén denunciou que tanto a casa dos cazadores e unha parte do fondo do pobo de Negueira carecen de alumeado.

Un pobo caracterizado pola discriminación

O voceiro do PP en Negueira, insistiu en que existe unha gran discriminación entre a parte de arriba e a de abaixo do pobo polo que volveu a instar a Gómez Besteiro a visitar a zona para comprobar, in situ, ese sectarismo.

Así as cousas, José María Braña, invitou a Gómez Besteiro a visitar o municipio e ver a discriminación existente entre a parte de abaixo do pobo e a de arriba, posto que na segunda, está todo abandonado e sen amañar.