Partido Popular de Lugo

O DEPUTADO ÁNGEL CAMINO INTERESOUSE NO PARLAMENTO POLO DESPREGUE E FUNCIONAMENTO DAS BRIGADAS FORESTAIS MUNICIPAIS

Santiago, 10 de outubro de 2014.- O deputado do Grupo Popular, Ángel Camino Copa, formulou esta mañá unha pregunta no seo da Comisión de Agricultura e Montes do Parlamento de Galicia a través da que se interesou pola constitución e funcionamento, no conxunto da Comunidade Autónoma, das brigadas municipais contraincendios subvencionadas pola Xunta de Galicia. En concreto, Camino Copa lamentou que O Incio, por segundo ano consecutivo, renunciara a dispor deste servizo subvencionado pola Xunta.

O deputado popular quería coñecer as circunstancias nas que se desenvolveu este operativo, así como as funcións que realizaron no ámbito da prevención e extinción de lumes forestais, logo do remate da campaña de alto risco de incendios en 2014.

Na súa resposta o Secretario Xeral do Medio Rural e de Montes, Tomás Fernández Couto, confirmou que o Goberno galego ten investido 7.485.426 euros só nesta anualidade, para a posta en marcha de 268 brigadas forestais, divididas en 204 concellos e en 5 mancomunidades, un modelo de convenio que, á vista dos resultados obtidos, teñen previsto manter para o ano próximo.

EFECTIVIDADE DAS BRIGADAS

Ángel Camino salientou que, desde a súa longa experiencia, é perfecto coñecedor da efectividade das brigadas municipais, polo que pode dar testemuña do acerto desta fórmula de organización do dispositivo de loita contra o lume. Tamén, puxo en valor as vantaxes do modelo cooperación entre a Xunta e os concellos para o establecemento destas brigadas.

Neste mesmo senso, o deputado popular lamentou que uns poucos concellos renunciasen a esta necesaria colaboración para a creación das brigadas municipais, entre os que se atopa o de O Incio, por segundo ano consecutivo. Ángel Camino considera unha temeridade este comportamento que, no caso concreto do concello de O Incio, o converteu no único da comarca de Sarria que renunciou a dispoñer deste servizo subvencionado pola Xunta.