Lugo, 9 de outubro de 2014.- O secretario do Parlamento de Galicia e deputado autonómico do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, sinalou hoxe que a Xunta de Galicia vén de conceder axudas por preto de 317.000 euros para os servizos de orientación de emprego promovidos na provincia de Lugo.
UNHA VINTENA DE ENTIDADES LOCAIS
Máis en concreto, o Goberno galego achega os recursos económicos necesarios para que preto dunha vintena de concellos poidan contratar ou prorrogar ao persoal técnico que se encarga de realizar o asesoramento en materia de información, orientación e busca de emprego.
Na relación de beneficiarios están os municipios de Portomarín, Quiroga, Cervo, Cervantes, Burela, Guitiriz, Sober, Viveiro, Láncara, Sarria, Lugo, Ribadeo, Foz e Vilalba e tamén a Deputación de Lugo, No caso dos concellos con máis de 5.000 habitantes dispoñen deste servizo en exclusiva, os que teñen menos desta poboación ofrecen o servizo en colaboración con concellos limítrofes, sendo os mencionados a súa sede.
ORIENTACIÓN PERSONALIZADA
Balseiro explicou que grazas ao apoio económico do Goberno galego estes profesionais especializados, que están en contacto e colaboración permanente co Servizo Público de Emprego de Galicia (oficinas de emprego), exercen as súas funcións desde a sede dos distintos concellos mencionados, onde executan distintas iniciativas dirixidas á mellora da capacidade de inserción laboral das persoas desempregadas e incluso ofrecen apoio profesional personalizado, segundo as circunstancias dos usuarios que se achegan a este servizo.
As achegas achéganse aos 400.000 euros se ás subvencións percibidas polas entidades locais lucenses sumamos unha axuda de 80.000 euros para este mesmo servizo outorgada a Confederación de Empresarios Lucenses. No conxunto de Galicia, con estes apoios, é posible contar cunha rede pública de técnicos de orientación laboral composta por 462 profesionais.