Partido Popular de Lugo

Emma Álvarez, única aspirante á presidir o Partido Popular de Lourenzá

Lugo, 3 de outubro de 2014.- O prazo de presentación de candidaturas para liderar o Partido Popular de Lourenzá concluíu coa formulada por unha única aspirante, a actual alcaldesa, Emma Álvarez Chao.

A dirección provincial dos populares lucenses confirmou que a rexedora conseguiu máis avais dos estatutariamente esixidos e, deste xeito, será e encargada de tomar as rendas da organización local unha vez que conte, co previsible referendo dos afiliados no congreso do PP que se celebrará o venres 17 de outubro.

A candidata popular está chamada a substituír na presidencia do partido ao deputado Vidal Martínez Sierra quen, en datas pasadas, confirmou a súa intención de non optar á reelección para centrarse no seu traballo parlamentario e propiciar a renovación da estrutura directiva local.

Emma Álvarez conta cun ampla experiencia política, primeiro como concelleira en Lourenzá –desde o ano 2007- pero tamén como deputada no Parlamento de Galicia na pasada lexislatura, onde presidiu a Comisión de Agricultura e Montes e levou a portavocía da área forestal e de conservación da natureza. Desde setembro de 2012 exerce como alcaldesa da súa localidade natal.

Emma Álvarez nada en 1974, é diplomada en Ciencias Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela. No ámbito profesional traballou na sociedade cooperativa Os Irmandiños desenvolvendo distintos postos de responsabilidade directiva.