A realidade das cifras amosa, fronte as críticas interesadas dos partidos da oposición e colectivos afíns, que o Partido Popular si ten un compromiso firme e permanente coa mellora do Hospital da Costa, un compromiso en apoio do centro hospitalario público da Mariña lucense. Hai quen ten moito interese en negalo, pero os datos obxectivos permiten cifrar en máis de 2,2 millóns de euros o investimento da Xunta de Galicia en obras e novas dotacións tecnolóxicas nos últimos cinco anos, isto é, desde que o Alberto Núñez Feijóo é o noso presidente.
Só no 2014 as achegas do Goberno galego aproxímanse aos 600.000 euros, investidos en distintos servizos como son as obras para a posta en marcha da sala de quimioterapia –que permitirá dar tratamentos aos enfermos de cancro, sen necesidade de desprazarse– (242.408 euros), a segunda sala de endoscopias –que fixo posible a implantación da vía rápida para o cancro de colon– (211.686 euros), a reforma e modernización dos quirófanos –rematada este verano– (50.036 euros), a nova unidade de retina no servizo do oftalmoloxía (30.805 euros), a implantación do triaxe en urxencias (18.933 euros), a segunda consulta de rehabilitación (2.398 euros) ou a introdución de tecnoloxía laparoscópica en uroloxía (41.000 euros).
A estas cifras, que reflicten obras reais e comprobables e que teñen contribuído á mellora dos servizos ou o farán nun futuro próximo, hai que engadir outras moitas executadas baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijóo como foron a reforma da área de maternidade (obras adxudicadas e rematadas por valor de 800.000 euros), a reforma da cuberta, rampla, zona de espera da resonancia e arquivo do hospital (na que se investiron 518.793 euros), a compra de novos ecógrafos (para cardioloxía, xinecoloxía e radioloxía por importe de 169.000 euros) e a renovación dos equipos de anestesia (cun custe de 200.000 euros). Moitas delas, por certo, actuacións, comprometidas polo bipartito pero que con PSOE e BNG non viron a luz, posto que o investimento do bipartito no hospital foi de cero euros.
O recente impulso do Plan Director, non é o único apoio que o Goberno galego vén prestando a este hospital, tal e como acabamos de demostrar, aínda que si probablemente o proxecto máis ambicioso de todos. Lonxe de ser un mero estudo de necesidades é a planificación técnica que determinará como e de que xeito vamos a acometer a obra de reforma integral do centro.
As cifras demostran que o Partido Popular si cre no Hospital deixando fóra de xogo, sen argumentos, a aqueles que pretenden e pretenderon meter o medo no corpo dos mariñáns, e alertar con algo tan serio como é a saúde, chegando a afirmar, incluso, que pecharíamos o centro. Todo o contrario. O Hospital mellora e mellorará máis aínda, e recibe obras, servizos e apoios, pensados para garantir un servizo próximo e de calidade para os miles de veciños desta comarca.