Lugo 1 de outubro de 2014.- Os deputados nacionais lucenses Joaquín García Díez e Olga Iglesias fixeron esta mañá unha valoración dos orzamentos xerais do Estado para 2015 que foron presentados no día de onte no Congreso dos Deputados.
Nunha rolda de prensa, ámbolos dous deputados salientaron o esforzo inversor do Ministerio de Fomento na provincia de Lugo, que investirá no ano 2015 na provincia 93.88 millóns de euros, dos cales 75,1 millóns destinaranse a estradas e 17,29 a ferrocarrís. Estes datos revelan que Lugo sigue sendo a cuarta provincia en inversión de estradas.
“Se nos Orzamentos Xerais do Estado para 2014 destacábamos o esforzo inversor do Departamento que dirixe Ana Pastor, onde se destinaban 99 millóns de euros a estradas co compromiso de poñer en funcionamento neste ano a totalidade dos tramos da A-8 na provincia lucense, este ano, e cumprido o anterior compromiso, asúmese o reto de dar o impulso definitivo á conexión por autovía entre Lugo e Santiago”- afirmou García Díez.
Neste senso, os populares salientaron que nos PXE 2015 inclúese unha partida de 85,2 millóns de euros para a autovía entre Lugo e Santiago, o que significa que se trata da segunda partida máis relevante a nivel galego.
Porén, ámbolos dous deputados nacionais valoraron moi positivamente este compromiso, posto que “permitirá ter operativos tódolos tramos desta autovía entre Lugo e Guntín no primeiro semestre de 2015 e entre Guntín e Palas de Rei no segundo, ao tempo que avanzarán a bo ritmo os trámites na provincia de A Coruña”.
García Díez e Iglesias Fontal tamén informaron de que se licitarán as obras do intercomunicador de Guntín, entre a autovía A-54 e a N-540, orzamentada con 2.260.000€ e a A-56, entre Lugo e Ourense, terá dotación orzamentaria de 5.000.000€ para executar obras entre San Martiño e A Barrela Norte.
En canto ao norte da provincia, os populares valoraron positivamente a inclusión dunha partida de 500.000€ para redactar o proxecto da Autovía A-82 entre Barreiros e San Ciprián, partida que quintuplica a que figuraba no presente exercicio e que contempla sucesivas anualidades, ata un importe de 19.500.000€ por vez primeira.
OUTROS PROXECTOS
Os deputados lucenses lembraron algúns proxectos singulares do departamento que dirixe Ana Pastor, que serán acometidos durante 2015. Figuran aquí a continuación do proxecto que permitirá unir a nova ponte sobre o río Miño coa rede viaria da capital, isto é unha ampliación para a que se destina 200.000€, a rehabilitación e a ampliación do paso en Meira sobre a N-640, obra para a que o Ministerio de Fomento destina 508.000€, ou a mellora do pavimento e da seguridade vial na travesía de Palas de Rei na N-547, cunha partida orzamentaria de 168.000€.
García Díez e Iglesias Fontal destacaron as cantidades dedicadas a conservación e mellora da seguridade vial na rede de estradas do estado na provincia de Lugo, que ascenden a 12.322.000€ e subliñaron que no tocante a ferrocarrís, incrementáronse as cantidades orzamentadas, 17,29 millóns de euros, nun 4,2% respecto a esta anualidade, incluíndo a continuación do tramo da liña de Alta velocidade denominado variante da Puebla de San Julián con 6.000.000€. Destacaron tamén actuacións na supresión de pasos a nivel, estacións de viaxeiros ou o mantemento da rede convencional (523.000€).
Os deputados populares destacaron a importancia de que os PXE 2015 contemplen unha partida na Dirección Xeral de Arquitectura do Ministerio de Fomento por importe de 600.000€ para actuacións de interese cultural no camiño francés, ao seu paso polos concellos de Paradela, Pedrafita, Portomarín , Samos e Triacastela, dada a importancia dos diferentes camiños a capital galega na nosa provincia.
Resaltaron ámbolos dous deputados as inversións doutros ministerios como as partidas destinadas a melloras nas prisións de Bonxe e Monterroso por importe de 1,43 millóns ou comisarias de policía por 348.000€.
“Dentro da DG de Sostenibilidade da Costa e o Mar (MAGRAMA) e destinado a inversións de recuperación de litorais e control de regresión da costa figuran partidas que suman algo máis de millón e medio de euros”- manifestaron, e engadiron que en este mesmo Ministerio e na DG de Desenvolvemento Rural e política Forestal orzaméntanse 450.000€ para a adecuación de camiños naturais na Mariña lucense.
Explicaron que nos orzamentos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, figuran diferentes partidas por un total de aproximadamente 5.300.000€ destinados a actuacións en cauces, expropiacións cerradas e saneamento e depuración de augas, ás que cabe sumar os 2.695.000€ asignados ás obras de abastecemento e rede de colectores da cidade de Lugo.
Remataron os deputados lucenses afirmando que os Orzamentos Xerais do Estado de 2015 afianzan a recuperación económica en España e garanten o Estado do Benestar con subas en tódalas partidas de gasto social, e sempre cumprindo os compromisos de consolidación fiscal.