Partido Popular de Lugo

O GPP insta á Deputación a que proceda de xeito urxente ao arranxo da estrada LU-P-4011 de Palas a Monterroso

Lugo, 29 de setembro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular insta á Deputación de Lugo a que, na súa condición de titular da estrada LU-P-4011 que comunica Palas de Rei con Monterroso, proceda de xeito urxente a realizar as tarefas de conservación e mantemento desta vía, coa fin de manter as condicións mínimas de seguridade.

Os populares presentarán unha moción pola vía de urxencia na que trasladan a demanda dos máis de 250 veciños que reclaman a adecuación desta estrada a través dun escrito.

Dende o Grupo Provincial piden que a Deputación non faga oídos xordos e atenda a esta reivindicación xa que ten o deber cara a cidadanía de “cando menos non causarlles prexuízos innecesarios”.

Pésimo estado das estradas provinciais 

Os populares na Deputación de Lugo trasladaron en reiteradas ocasións á administración lucense as reivindicacións dos alcaldes e veciños para a adecuación das estradas de titularidade provincial,  “obtendo en múltiples ocasións a xordeira por resposta o que implica que esteamos ante a administración que conserva en peor estado as súas estradas”.

Deste xeito, o Grupo Provincial do Partido Popular na mesma moción insta á Deputación de Lugo a que cubra as verdadeiras necesidades das estradas provinciais e revise todas as vías da súa titularidade para que non se dean estas circunstancias especialmente de cara ao inverno.

Falta de vontade

Os populares explican a maiores que o pésimo estado das estradas provinciais responde a unha falta de vontade ou mal emprego do diñeiro de todos os lucenses e mesmo, inclusive, á mala organización do funcionamento desta área. “O problema non está na dotación orzamentaria, ao ter en conta que dende 2007 manexaron máis de 122 millóns de euros tanto para novas infraestruturas como para reparacións”, concluíron.