Partido Popular de Lugo

O PP sinala que Feijóo foi quen de transformar os seus compromisos en accións e destaca a lealdade do Presidente coa Mariña

Os populares da Mariña lucense sinalan que Alberto Núñez Feijóo foi quen de “transformar as súas palabras e os seus compromisos en accións” e destacan a “lealdade do Presidente da Xunta coa comarca”, ata o punto de “facer realidade en tempo de crise e dificultade aquilo que outros nos negaron en tempos de bonanza”.

Así o aseguraron hoxe no transcurso dunha rolda de prensa celebrada esta mañá en San Ciprián e na que Jose María González Barcia, coordinador comarcal e alcalde de Burela, actuou de portavoz, arroupado tamén polos alcaldes de Xove, O Vicedo e Ourol, polos representantes locais do PP de Viveiro e Cervo, polo parlamentario autonómico Vidal Martínez-Sierra, polo congresista Jaime de Olano e polos deputados provinciais Elena Candia e Jose Manuel Yañes Ginzo.

Desde o Partido Popular quixeron valorar os compromisos que está a poñer en marcha a Xunta de Galicia e salientaron que os grandes proxectos de infraestruturas da Mariña sobreviven ás dificultades e incluso, indicou González Barcia que, hoxe son moito máis completos dos que se proxectaron en tempos de bonanza.

Neste senso, apuntaron as melloras operadas durante os meses de tramitación administrativa nestes dous proxectos: ampliación do Hospital da Costa e planificación das obras do corredor entre Celeiro e San Ciprián, (ao seu paso polo municipio de Xove).

González Barcia tamén dixo que os que agora critican, reprochan e denuncian o traballo que está a desenvolver a Xunta son os que anteriormente, durante o bipartito, non fixeron nada. “Están molestos porque o PP converta en realidade aquilo que eles nos negaron”. O popular reta aos socialistas a explicar como é posible que durante catro anos de bipartito, o investimento nestes proxectos pendentes fora de cero euros, a pesar de que eran tempos de bonanza e a Xunta xestionaba un orzamento global maior, isto é, tiñan máis capacidade de gasto.

Por outra banda, González Barcia amosou a súa sorpresa por que o PSOE se atreva a falar de débeda de Feijóo coa Mariña cando eles foron incapaces de impulsar ningún destes proxectos; aínda que agradeceu que os socialistas rectifiquen e por primeira vez recoñezan o grande esforzo da Xunta na Mariña, que levan anos negando cando José Manuel Balseiro dá conta pormenorizada dos orzamentos autonómicos. “Son absolutamente incoherentes, demandan o que non fan e critican o traballo dos demais”.

“Hai quen na oposición deben pensar que redactar un plan director ou reelaborar o proxecto construtivo que determina o trazado dunha estrada se fai dun día para outro, que non leva aparellado moitas horas de traballo e un gasto económico. Iso significa que viven fóra da realidade. Non son capaces de saber todo o traballo que supón porque o bipartito foi incapaz de facer unha soa obra importante neste comarca. Todas as deixaron no caixón e nos rescatámolas”

CORREDOR COSTA NORTE

Pola súa banda o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, quixo poñer en valor a importancia de completar o mapa de infraestruturas da comarca occidental da Mariña coa posta en marcha do tramo de corredor entre Celeiro e San Ciprián e sinalou o avance que esta infraestrutura suporá para os veciños de todos os concellos e moi en particular para axilizar o tránsito no tramo da comarca con maior intensidade de vehículos pesados.

En relación co momento de reactivar as obras, Salgueiro desmentiu que se deba a un interese electoral e explicou, lembrando as palabras da conselleira de Infraestruturas, que se retoma xusto despois de rematarse o deseño do novo trazado, solventadas as dificultades técnicas que xurdiron, e coa execución do orzamento a punto de pecharse, polo que se fixo posible blindar o pago dos traballos que efectuarán as empresas contratistas. A intención do goberno é de executar a obra ata completala no prazo previsto.

O Goberno galego realiza un investimento económico de 54 millóns de euros para facer realidade preto de 8 km (7,9), que poderán estar en servizo no primeiro trimestre do ano 2016. Salgueiro precisou que “desde o primeiro metro ata o último quilómetro do corredor son e serán obra do PP. Adxudicamos a obra, dotámola de orzamento, melloramos o trazo e rematarémola no prazo previsto”

Salgueiro apunta que todo foi feito por obra do Partido Popular e nesta liña aclara que en agosto de 2005 o Goberno popular deixou listo o estudo informativo e de impacto ambiental de todos os tramos entre Ferrol e San Ciprián. Mentres, polo contra, o bipartito suspendeu no segundo semestre de 2008 os proxectos construtivos de tres tramos desta vía, ralentizando todo o proceso e tivo que ser de novo un goberno do Partido Popular quen en xullo do 2009 publicase no DOG a adxudicación das obras entre Celeiro e San Ciprián, o primeiro treito lucense, e iniciase os desmontes.

OUTROS PROXECTOS

González Barcia apuntou que ademais do corredor, Feijóo tamén deu conta doutros avances como foron o gasoduto da Mariña, cun investimento de 26 millóns de euros; e aludiu ao acceso ao porto de Burela, unha obra básica a piques de iniciarse e orzamentada en 7,6 millóns de euros; ao Plan integral de Conservación da Praia das Catedrais, presentado onte, e á adxudicación do Plan Director e proxecto de ampliación do Hospital da Costa, que conta con total respaldo orzamentario.

FALAMOS MENOS PERO FACEMOS MÁIS

Para finalizar, González Barcia indicou que os veciños da Mariña son conscientes do esforzo que leva efectuando o Goberno galego ao longo dos últimos anos nestas e moitas outras actuacións, por iso “nos teñen elixido, proceso electoral tras proceso electoral, cunha ampla maioría

Os populares sinalan que o principal propósito para os vindeiros meses segue a ser traballar con máis responsabilidade que nunca, “conscientes de que a tarefa política que nos encomendaron os cidadáns foi mellorar  a Mariña e falar a través de feitos e resultados”.